Medio Rural

A Xunta presenta as aldeas modelo como iniciativa única en España

Inés Santé, interveu nunha das sesións de debate para abordar o apoio ás aldeas intelixentes a través das diferentes políticas comunitarias europeas.

Óscar Gómez

Ourense | 20.03.2024 07:54

A Xunta presenta as aladeas modelo como iniciativa única en España
A Xunta presenta as aladeas modelo como iniciativa única en España | onda cero

A sesión de debate na que estivo presente a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural abordou o apoio ás aldeas intelixentes a través das intervencións das políticas comunitarias na Unión Europea.

Nela, presentáronse exemplos de accións de apoio ás aldeas intelixentes noutros países como Austria, Finlandia, Hungría, Lituania, Italia e Polonia. No caso de España, só en Galicia se activaron as “Smart Villages -aldeas intelixentes” coa posta en marcha de infraestruturas agrarias co obxectivo de loitar contra o despoboamento.

Nesta liña, Inés Santé falou das aldeas modelo, instrumentos incluídos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que están centradas na recuperación de terra abandonada ao mesmo tempo que inclúen a posibilidade dun plan de revitalización que incorpora a rehabilitación dos espazos públicos e a innovación tecnolóxica.

Na presentación, a directora xeral expuxo os traballos que se están desenvolvendo nas 21 aldeas modelo que hai en toda Galicia e que estarán en funcionamento todas elas ao longo deste ano. Ademais, puxo en valor os avances dos catro proxectos piloto de plans de dinamización nas aldeas modelo de Muimenta (Carballeda de Avia), Osmo (Cenlle), Penedo (Boborás) e Trascastro (O Incio).

Proxecto de Compra Pública de Innovación de “Aldeas Intelixentes”

Por outra banda, a directora xeral da Axencia sinalou que a Xunta está a traballar no proxecto de Compra Pública de Innovación de “Aldeas Intelixentes”, que busca desenvolver solucións innovadoras que potencien a xestión dos servizos públicos e a actividade agrogandeira no rural galego.

A partir da Compra Pública de Innovación, a Xunta aposta polo desenvolvemento de novos programas e sistemas, ferramentas con tres eixos principais de innovación: facer máis eficaces e eficientes os servizos públicos municipais; potenciar a xestión das explotacións agrogandeiras e favorecer a trazabilidade dos produtos agroalimentarios e a economía circular.

Estas solucións tecnolóxicas poranse a disposición dos concellos e veciñanza -principalmente, agricultores e gandeiros-, a través dunha plataforma dixital á que poderán acceder os interesados. Nunha primeira fase, as innovacións probaranse de xeito piloto na Rede de Aldeas Modelo de Galicia, coa finalidade de avanzar posteriormente na súa implantación en toda a comunidade autónoma.

Para levar a cabo este proxecto, a Xunta conta cun orzamento de 5 millóns de euros de fondos propios -dos cales xa se mobilizaron 1,2 millóns para implantar un modelo de comunidade enerxética para aldeas- e aspira a captar outros 5 millóns máis ao abeiro amparo da liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (FID) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.