Medio Rural

A Xunta organiza un simulacro de incendio forestal

O obxectivo do simulacro é comprobar a coordinación dos servizos implicados co centro de mando da emerxencia no caso de situacións de lumes con risco para bens, persoas e infraestruturas.

Óscar Gómez

Ourense | 28.06.2023 08:06

A Xunta organiza un simulacro de incendio forestal
A Xunta organiza un simulacro de incendio forestal | onda cero

Con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por un incendio forestal para avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do Peifoga serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). Nesta liña, o conselleiro do Medio Rural destacou o “extraordinario traballo de coordinación que se fai entre diferentes administracións para ser capaces de protexer á cidadanía fronte os lumes”.

Sistemas de comunicación

O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, como informar á poboación, os procedementos de activación dos plans de actuación municipal e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos distintos grupos operativos e grupos de control. Así o destacou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, quen lembrou que nun incendio forestal “non só interveñen os bombeiros, senón que se moven moitos máis recursos”, entre os que mencionou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os medios sanitarios ou Protección Civil. Do que se trata con este tipo de simulacros é de “coordinar ese dispositivo e saber todos o que temos que facer en cada momento”.

A actividade realizada hoxe requiriu a constitución de centros de mando e control e a activación do Punto de Recepción de Medios (PRM) ata o que se desprazaron o Grupo de Apoio Loxístico de Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e os diferentes servizos de loita contra o lume da Consellería do Medio Rural. Así, participaron dous técnicos, seis axentes, cinco brigadas, tres motobombas e a Unidade Técnica de Apoio.

No que se refire ao apoio loxístico e de seguridade colaboraron efectivos de forzas e corpos de seguridade -Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local de Verín e Garda Civil-, a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Verín e o GALI da Axega. Como apoio sanitario contouse cunha ambulancia asistencial do 061.

Ademais da extinción, neste simulacro, os participantes adestraron actividades como a protección de vivendas, a adopción de medidas de protección á poboación como o confinamento ou o corte dunha estrada afectada polo lume.

Detalles do simulacro

O simulacro comezou ás 12,00 horas en Vilamaior do Val, e baseouse nun suposto lume en situación 0 que debido á súa evolución pasa a afectar á poboación de Queirugás e á estrada OU1055, obrigando a activar a situación operativa 2 coa adopción inmediata de medidas de protección e socorro.

Tras a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na sede do Distrito Forestal XIV, e do Posto de Mando Avanzado (PMA), nas inmediacións do Santuario dos Remedios, en Vilamaior, abórdase a situación do lume e ordénase o confinamento das poboacións afectadas, así como o corte da estrada local OU1055. Unha vez se confirma que o incendio está estabilizado e que xa non hai risco para as vivendas desactívase a situación 2 e finaliza o exercicio.