Ourense Provincia

A Xunta destaca o papel de Roberto Verino como embaixador da moda galega

A xerente de Galicia Calidade subliñou que esta ollada retrospectiva sobre os 40anos de traxectoria de Roberto Verino deben ser un "pulo para o conxunto do sector".

Óscar Gómez

Ourense | 23.11.2022 08:06

A Xunta destaca o papel de Roberto Verino como embaixador da moda galega
A Xunta destaca o papel de Roberto Verino como embaixador da moda galega | onda cero

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, puxo a Roberto Verino como un exemplo dos mellores embaixadores da moda, o deseño e a competitividade do sector téxtil galego que nos últimos 40 anos conseguiu conquistar mercados de todo o mundo.

Na inauguración oficial da exposición 40 anos de Estilo Verino en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, salientou durante a súa intervención o labor feito polo deseñador Roberto Verino durante máis de catro décadas pola moda e o téxtil galego, que se converteu nun referente da creatividade galega e dinamizador dun dos sectores máis vigorosos da economía galega.

A xerente de Galicia Calidade subliñou que esta ollada retrospectiva sobre os 40anos de traxectoria de Roberto Verino deben ser un "pulo para o conxunto do sector" para seguir apostando pola creatividade e a innovación para seguir conquistando as pasarelas e os mercados de todo o mundo. Segundo dixo, hai que facelo adaptándose ás novas demandas dos consumidores, competindo con innovación e sustentabilidade.

Ana Méndez explicou que a marca de garantía está traballando na elaboración duns indicadores de sustentabilidade que axudarán a certificar a contribución das empresas na elaboración dos seus produtos ou na prestación dos seus servizos ao cumprimento dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) e na loita contra o cambio climático. E o sector téxtil é un "dos que se poden beneficiar desta nova estratexia", engadiu.

Ademais, aproveitou esta xuntanza para destacar a aposta pola innovación e a excelencia en todo o proceso produtivo de Roberto Verino e o compromiso con Galicia Calidade a través doutras das súas empresas, como é o caso da Adega Gargalo, que conta co selo de garantía para os seus viños. Segundo recordou, Galicia Calidade conta con máis de 760 produtos e servizos certificados de 148 empresas, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.

A exposición 40 años de Estilo Verino reúne un conxunto de fotografías que repasan a traxectoria e as creatividades do deseñador verinés a longo de catro décadas, un proxecto que trata de conseguir a "esencia e a ilusión para seguir 40 anos máis". A mostra poderá visitarse no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n) e permanecerá na cidade compostelá ata o 8 de xaneiro de 2023.