Medio Rural

A Xunta aposta pola planificación preventiva na loita contra os incendios forestais

José González definiu a loita contra o lume como unha “responsabilidade compartida” e lamentou por iso que a colaboración da maioría dos concellos e das deputacións de Ourense e Pontevedra.

Óscar Gómez

Ourense | 05.12.2023 07:50

A Xunta aposta pola planificación preventiva na loita contra os incendios forestais
A Xunta aposta pola planificación preventiva na loita contra os incendios forestais | onda cero

A Xunta aposta pola planificación preventiva como fórmula para avanzar na loita contra os incendios forestais, mediante iniciativas como un plan específico, o convenio de protección das aldeas, as diferentes ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria ou a colaboración público-privada para a recuperación post-incendios.

Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa comparecencia no Pleno do Parlamento para dar conta do balance de lumes correspondente a este ano. Neste sentido, José González explicou que esta planificación oriéntase a reducir ao máximo posible –tendo en conta os recursos dispoñibles– as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais dos lumes e subliñou que a prevención e “constante e continua”.

Deste xeito, sobre o plan preventivo enmarcado no Pladiga, o conselleiro indicou que o vixente arestora comezou a funcionar xa a comezos do pasado mes de abril e estará activo ata marzo do 2024, cunha dotación de preto de 38,8 millóns de euros, o que representa un incremento por riba do 17 % en relación co plan anterior. E salientou que o plan permitiu xestionar neste período máis de 50.000 hectáreas e por riba dos 7.000 quilómetros de vías, ademais de 4.300 actuacións en puntos de auga -entre creación e mantemento-.

Iso, engadiu González, no que atinxe ás actuacións no territorio. Canto ás medidas centradas na poboación, o conselleiro lembrou que se impartiron máis de 300 charlas de sensibilización para escolares, así como formacións dirixidas á poboación rural, campañas de difusión, regulación do uso do lume e outras.

En relación co convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga para a protección das aldeas, o titular de Medio Rural destacou que é, así mesmo, clave para a prevención no territorio. Tamén, que máis do 90 % dos concellos galegos están xa adheridos a esta iniciativa, que definiu como “un exemplo de cooperación interadministrativa” derivada do Ditame da Comisión parlamentaria de estudo de 2018 e asinado en agosto dese mesmo ano.

Neste contexto, González trasladou tamén que tras cinco anos da súa posta en funcionamento, este convenio continúa a amosar o seu potencial na defensa das nosas aldeas fronte aos lumes. Así, remarcou que só nesta anualidade de 2023, inspeccionouse a totalidade das franxas próximas ás vivendas de 98 municipios, revisando un total de 542.941 parcelas. E nesta revisión constatouse que a superficie xestionada pasou de representar a metade do total en 2019 a superar un 70% neste 2023, salientou. Ademais, botando a vista atrás, recordou que desde 2021 lévanse revisadas máis de 1,7 millóns de parcelas en toda Galicia.

En materia normativa, o conselleiro puxo en valor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa que -xunto ás parcelarias- xa se mobilizaron nesta lexislatura preto de 35.000 hectáreas, remarcou. Tamén destacou a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, froito dun proceso participativo moi intenso.

Así mesmo, en relación coa planificación preventiva no territorio, Jose González referiuse aos dous millóns de euros dos orzamentos de 2024 para fomentar a gandaría en extensivo orientada a crear e manter pastos nas zona de maior risco de incendio. Tamén -indicou- adquiriranse por parte da Xunta rabaños propios que permitan a súa itinerancia naquelas zonas elixidas con criterios de priorización.

Sobre a cooperación institucional, o conselleiro anunciou que o vindeiro ano asinarase un convenio de colaboración coas deputacións de Ourense e Pontevedra en materia de prevención de incendios, que estará dotado con preto de 5 millóns de euros. Puxo en valor a actitude nesta materia de ambas entidades provinciais, pero lamentou unha vez máis que esa colaboración “non acaba de concretarse” no caso das da Coruña e Lugo. Anunciou ademais que, dentro do convenio coa Deputación ourensá, no 2024 vaise desenvolver un proxecto piloto de brigadas municipais articulado a través de varias mancomunidades.

Puxo en valor, así mesmo, o fondo público-privado creado para fomentar a recuperación de territorios afectados por lumes e sinalou que Inditex foi a primeira empresa en participar, achegando 9 millóns de euros -que se suman aos 3,25 aportados pola Xunta-, beneficiando a 26 concellos das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central ourensán. Avanzou ademais que hai máis empresas comprometidas con esta iniciativa.

Balance de lumes

Canto ao balance de lumes, José González puxo especial énfase no feito de que 2023 é unha das anualidades con menos superficie afectada polos incendios forestais en Galicia. Así, en total, dende o 1 de xaneiro ata o día de hoxe houbo 908 rexistros -dos cales só 149 teñen categoría de incendios, xa que o resto quedaron en conatos-, afectando 6.773,8 hectáreas de superficie, que supoñen practicamente un terzo da media dos últimos dez anos. Engadiu que, polo tanto, o 84 % dos lumes quedaron por baixo dunha hectárea. Ademais, só 20 dos incendios deste ano superaron as 25 hectáreas de afectación, é dicir, o 2 % do total, remarcou o conselleiro. Na súa intervención, o titular de Medio Rural, explicou tamén que o presente é o ano no que menos incendios e menos hectáreas arderon en período de alto risco (meses de xullo, agosto e setembro) do último lustro. De feito, o conselleiro falou dun “cambio de tendencia”, cunha clara desestacionalización e con menos incendios, pero máis virulentos, de forma que en situacións moi extremas adquiren rapidamente condicións que complican moito a súa extinción.

Así, o conselleiro salientou que nese trimestre se rexistraron só 51 incendios, malia que ao tempo advertiu que “nunca podemos caer en triunfalismos” porque -engadiu- “mentres arda unha soa hectárea en Galicia, non estaremos conformes”. A maiores, González informou de que só houbo que lamentar dous grandes incendios forestais ao longo do 2023 -Baleira e Trabada, ambos na provincia de Lugo, que acumularon o 60 % da superficie total ardida en Galicia durante o ano- e tamén de que só foi preciso decretar dúas situacións 2 de perigo para as aldeas e as persoas, nestes mesmos sinistros.

Incendios de outubro

Nesta liña, o conselleiro fixo especial mención aos incendios rexistrados en outubro e apuntou tres factores determinantes, como foron o contexto climatolóxico -extremadamente cálido- a devandita desestacionalización dos incendios e a intencionalidade. En relación con este último aspecto, recordou que se están a investigar as causas dos lumes, pero sinalou que todo apunta a que foron intencionados, tendo en conta factores como a nocturnidade, a proximidade e simultaneidade de focos e as previsións inminentes de choiva, que pechaban a “ventá de oportunidade” para os incendiarios. Trasladou ademais que en moitos dos últimos incendios rexistrados en Galicia houbo varios intentos anteriores de prender, o que indica claramente que os incendiarios actuaron en varias ocasións. A eficacia do Servizo impediu inicialmente que tiveran éxito, pero ao final os fortes ventos e as elevadas temperaturas de principios de outubro foron determinantes favorecendo esta actividade delituosa.

Por iso, o conselleiro apelou, unha vez máis, á colaboración cidadá en materia de loita contra o lume e lembrou o teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade incendiaria (900 815 085), así como o número 085 para alertar dalgún incendio. En parecidos termos, González agradeceu de novo “o labor de todos os profesionais que nas condicións máis extremas velaron e seguen a velar pola seguridade dos galegos fronte esta lacra” e reclamou que “debería quedar claro un recoñecemento plural e unánime” por parte do Parlamento ao esforzo e pericia dos milleiros de persoas que traballaron nas tarefas de prevención e extinción”. Ao tempo, o conselleiro puxo en valor o compromiso da Xunta nesta materia. Así, debullou os esforzos en relación co persoal e a dotación de medios do Servizo, que entre outras cousas se manifesta coa consignación de 24 millóns de euros nos orzamentos do 2024 para mellorar neste eido. En relación cos profesionais, destacou a

estabilidade laboral dos integrantes do dispositivo e lembrou que Galicia conta -e contará- cun operativo público no que dous terzos dos seus compoñentes traballan todo o ano e o terzo restante seis meses. Ademais, fixo fincapé nas brigadas helitransportadas públicas, cuxo número se duplicou ata chegar ás seis, incrementando tamén os seus efectivos.

A maiores, González valorou a creación dun grupo especializado para a loita contra a nova tipoloxía de incendios e a súa virulencia -a Unidade de directores de Extinción, UDEX- e lembrou o importante labor que realiza outra unidade especializada, a UIFO -Unidade de Investigación de Incendios Forestais-. Sobre os medios materiais, puxo en valor especialmente a ampliación da rede de vixilancia fixa, que -avanzou- acadará no 2024 as 180 cámaras, dándolle cobertura a máis do 85 % da superficie da nosa comunidade.

Infraestruturas contra o lume

En materia de infraestruturas, o conselleiro mencionou que se continuará coa dotación de novas bases de unidades operativas -coñecidas como BUO-, dentro dun plan para todas as infraestruturas da Consellería no que se investirán 22,6 millóns de euros, e seguirase coa mellora de pistas e devasas, a roza de áreas cortalumes e faixas auxiliares de camiños e a construción de novos puntos de auga, entre outras moitas actuacións.

Asemade, fixo mención aos avances na futura base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra e no Centro Integral para a Loita contra o lume de Toén. Así, en relación con este último, anunciou que neste mesmo mes de decembro prevese inaugurar o edificio da lavandería, destinado a formación e administración, e referiuse á renovación e ampliación do parque móbil do Servizo. En relación con este último aspecto, avanzou que no 2024 tres cuartas partes dos vehículos todoterreo que se van entregar aos profesionais do Servizo terán menos de dous anos de antigüidade e o cen por cento das pick-ups estarán por baixo dos 3 anos dende a súa matriculación.

A maiores, o conselleiro volveu apelar na súa intervención á necesidade dun gran pacto parlamentario na loita contra o lume e reclamou un “esforzo por sacar os incendios forestais do debate partidista”.