Economía

A Xunta abre unha nova convocatoria do programa "Renova o teu vehículo"

A convocatoria, que alcanza os 3 millóns de euros, diríxese tanto a particulares como autónomos e empresas, con axudas que poden chegar a 4.600 euros por vehículo no caso de familias numerosas.

Óscar Gómez

Ourense | 18.01.2024 08:05

A Xunta abre unha nova convocatoria do programa "Renova o teu vehículo"
A Xunta abre unha nova convocatoria do programa "Renova o teu vehículo" | La Voz de Galicia

A Xunta de Galicia informa da apertura do prazo de solicitudes da nova convocatoria do programa Renova o teu vehículo, que aposta por fomentar a transición cara a unha mobilidade eficiente.

O programa prevé que se adquiran ao redor de 1.200 vehículos enerxeticamente eficientes por parte de cidadáns e empresas. Entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire, así como dinamizar o sector.

Renova o teu vehículo está dirixido tanto a particulares coa súa residencia habitual en Galicia –que poderán adquirir un único vehículo– como autónomos e empresas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade, que poderán mercar un máximo de 10 unidades. A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 42.000 euros -cantidade que ascende a 47.000 euros no caso de vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 quilómetros en modo eléctrico-. Será requisito imprescindible que o adquirinte titular do novo vehículo acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de polo menos 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas.

As axudas, de concorrencia non competitiva e que se tramitarán a través das entidades colaboradoras, oscilarán entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2.000 e 3.000, respectivamente e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros.

Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva que se manterá aberta ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, que ascende a 3 M€.