Economía

A Xunta abre o prazo de solicitude do programa bono enerxía peme

As axudas, destinadas a pemes e autónomos do sector servizos, contan cun orzamento de 3 M€ para actuacións de asesoramento enerxético profesional, mellora da envolvente, iluminación, instalacións eléctricas, equipamento, climatización e instalacións inmóticas para mellorar a xestión enerxética.

Óscar Gómez

Ourense | 11.01.2024 07:52

A Xunta abre o prazo de solicitude do programa bono enerxía peme
A Xunta abre o prazo de solicitude do programa bono enerxía peme | onda cero

As axudas cubrirán a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas domóticos e inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente. Ademais, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas.

A intensidade de axuda será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. A axuda do bono asesoramento enerxético non computa a efectos deste límite máximo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais. Esta convocatoria é en concorrencia non competitiva, polo que as axudas concédense por orde de solicitude de se cumprir os requisitos esixidos.

Fernández Vila visitou a carnicería Depueblo, en Ourense, que foi unha das participantes na última edición do programa Bono Enerxía Peme. O establecemento acometeu a renovación da unidade de frío da cámara frigorífica para o almacenamento de produtos cárnicos, que deixara de ser eficiente pola súa antigüidade. Este cambio permitiralle acadar aforros eléctricos e económicos, así como unha maior eficiencia.

O programa contribúe a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporciona as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.