Ourense Provincia

Unha nova senda peonil une os concellos de O Carballiño e Maside

Gabriel Alén destaca que se trata dunha importante actuación que “atende ás necesidades de reforzo da seguridade viaria nesta contorna.

Óscar Gómez

Ourense | 15.09.2023 09:24

Unha nova senda peonil une os concellos de O Carballiño e Maside
Unha nova senda peonil une os concellos de O Carballiño e Maside | onda cero

Trátase dunha actuación nas que a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a investir preto 50.000 euros. O delegado territorial explicou que con esta actuación a Xunta impulsa a mellora da accesibilidade para o tránsito peonil nas marxes da rúa Ourense, coincidente co treito da estrada N-541 situado entre os puntos quilométricos 0 e 0+230, e na súa conexión coa avenida 25 de Xullo.

Unha “importante actuación” que segundo Gabriel Alén “atende ás necesidades de mellora da seguridade viaria nesta contorna con paso constante de peóns que fan uso dos distintos servizos existentes na zona: gasolineira, supermercado e para as propias vivendas da zona”. “Un exemplo máis -mantivo o delegado- dos esforzos da Xunta pola mellora da rede viaria e a dotación de itinerarios que favorezan os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro aos veciños”.

Os traballos iniciáronse na glorieta de intersección coa AG-54 e conectan co paso de peóns situado no punto quilométrico 0+220, onde xa se dispón de beirarrúa actualmente en ambas as marxes. O tramo desta actuación pertence ao termo municipal de Maside, salvo os últimos 50 metros, entre aproximadamente os puntos 0+180 e 0+230, que corresponden ao concello do Carballiño.

Para garantir a accesibilidade da senda, adecuáronse as dimensións da plataforma da estrada compatible coa seguridade dos vehículos e peóns, para o que se reduciu lixeiramente a anchura dos carrís actuais, de 3,40 metros ata 3,25 metros, dotándose a estrada de beiravías de 0,50 metros. A senda peonil estase a executar a ambos os dous lados da vía, dentro dos límites do dominio público da estrada.

Na marxe esquerda, a senda desenvólvese cunha anchura de 2 metros, a nivel da calzada e mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Execútase en formigón de 15 centímetros de espesor reforzado con mallazo, sobre 25 centímetros de zahorra. Neste tramo, o paso de peóns do punto 0+220 conectarase coa beirarrúa existente e disporase o pavimento podotáctil necesario.

Na marxe dereita, a senda constrúese cun ancho variable de entre os 1,80 e os 2 metros, en función do dominio público dispoñible, e co mesmo pavimento de formigón que na marxe esquerda. Nesta marxe tamén se está a dotar de accesibilidade o paso de peóns do punto 0+220, e ademais trabállase na mellora do firme no acceso do quilómetro 0+195, aproveitando para reubicar o paso de peóns existente nese punto para aliñalo co itinerario peonil creado.