Ourense Provincia

Traballos de reparación da cuberta do centro de día de Xinzo de Limia

A actuación programada ten un custe de arredor de 50.000 euros e permitirá solucionar os problemas de humidade que ten o equipamento.

Óscar Gómez

Ourense | 29.03.2023 11:22

Traballos de reparación da cuberta do centro de día de Xinzo de Limia
Traballos de reparación da cuberta do centro de día de Xinzo de Limia | onda cero

A Xunta de Galicia financiará a reparación da cuberta do centro de día para persoas maiores de Xinzo de Limia, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as instalacións acompañado da alcaldesa do concello, Elvira Lama, e doutros membros da corporación municipal.

A actuación programada ten un custe de arredor de 50.000 euros e permitirá solucionar os problemas de humidade que teñen as instalacións. Os traballos consistirán en protexer da auga da chuvia as fachadas e cubertas do centro, e da súa execución encargarase o Concello. O Consorcio financiará a intervención mediante a compensación das liquidacións que paga o ente local pola xestión deste servizo de atención diúrna.

Perfecto Rodríguez enmarcou estas obras no programa de melloras e mantemento da rede de centros do Consorcio, formada por centros de día, residencias, vivendas tuteladas e escolas infantís. A finalidade deste programa é poñer á disposición das persoas usuarias uns equipamentos que sexan funcionais e cómodos. Ao respecto, destacou a importancia que ten a colaboración cos concellos para ofrecer ás familias uns servizos de calidade.

O centro de día de Xinzo de Limia ten 30 prazas e iniciou a súa actividade hai catorce anos para dar coidados e atencións aos maiores deste municipio e dos da contorna. Na actualidade presenta practicamente un 100% de ocupación.

Escola infantil

Ademais destas melloras no centro de día, o xerente do Consorcio anunciou que tamén se repararán pequenas deficiencias detectadas na escola infantil causadas pola humidade. Estas repararanse con tratamentos a base de pintura antihumidade que se aplicará tras a limpeza e reparación das zonas afectadas.

Así mesmo, aproveitarase para levar a cabo reparacións no pavimento do centro, substituíndo a tarima afectada. O custe estimado destes traballos é duns 4.000 euros.