Cultura

O Teatro Principal acolle unha nova estrea nacional de Sarabela

O Teatro Principal acolle a estrea nacional de “O dragón de ouro”, da compañía ourensá Sarabela Teatro.

Óscar Gómez

Ourense | 16.02.2024 07:53

O Teatro Principal acolle unha nova estrea nacional de Sarabela
O Teatro Principal acolle unha nova estrea nacional de Sarabela | onda cero

O vicepresidente segundo da Deputación destacou a importancia da cooperación entre institucións en todos os ámbitos da administración, pero “este papel adquire maior relevancia no eido da cultura porque trasladámoslle á cidadanía a importancia da mesma e transmitimos a mensaxe de que a cultura ten a capacidade de crear e mover conciencia”.

César Fernández afirmou que presentar este espectáculo é “unha ledicia e un orgullo” porque “Sarabela Teatro é Ourense, un binomio que leva moitos anos coexistindo e aportando valor un ao outro”. Nese mesmo sentido, Jacobo Sutil felicitou a Sarabela por ser “unha das compañías máis importante e con máis tradición en Galicia” e animou a todos a asistir a “esta representación que induce á reflexión sobre temas sociais de relevancia”.

A directora do espectáculo dixo que era “unha felicidade estrear na casa” e presentar por primeira vez en Galicia e en galego a un autor como Roland Schimmelpfennig, un dos máis representados a nivel internacional. “Trátase dunha obra con “moito valor cultural, artístico e social que aborda temas de actualidade”, sinalou Ánxeles Cuña.

“O dragón de ouro” estrearase o 23 de febreiro, ás 20.00 horas, con funcións o día 24 á mesma hora, e o día 25 de febreiro ás 19.00 horas.