Ribeira Sacra

Román Rodriguez sinala a suma de apoios para o proxecto da Ribeira Sacra

Román Rodríguez, sinalou a suma de apoios como o elemento fundamental para “contribuír a que este proxecto común que chamamos Ribeira Sacra desfrute das mellores perspectivas posibles”

Óscar Gómez

Ourense | 22.09.2021 08:42

Ribeira Sacra
Ribeira Sacra | Onda Cero Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sinalou a suma de apoios como o elemento fundamental para “contribuír a que este proxecto común que chamamos Ribeira Sacra desfrute das mellores perspectivas posibles”. Fíxoo na presentación do Atlas Miradoiros da Ribeira Sacra, unha publicación do xeógrafo Augusto Pérez Alberti que cualificou como “un punto máis no traballo pola candidatura da Ribeira Sacra, á que o autor ten sumado os seus esforzos case desde o primeiro momento”, explicou o conselleiro.

O titular do departamento de Cultura do Goberno galego salientou a beleza da paisaxe ribeirá e o seu inxente patrimonio cultural, que fan da Ribeira Sacra “un dinamizador de riqueza, un motor económico, laboral, cultural e turístico que expresa, como poucos, os incribles prodixios naturais que atesouramos en Galicia”, destacou.

Neste sentido, puxo en valor o traballo dos 25 concellos que están comprometidos neste proxecto común polo “gran fito que se ten acadado no seu coidado e na súa preservación”, unha participación colectiva “que ten convertido á Ribeira Sacra nun entorno privilexiado”. “O esforzo común realizado para o impulso da candidatura a Patrimonio Mundial debe ser un orgullo para todos os concellos que ocupan e para toda Galicia”, engadiu.

Román Rodríguez quixo tamén destacar o valor do Atlas Miradoiros da Ribeira Sacra, “un volume que debuxa con acerto unha xeografía cuantiosa dos principais puntos de apreciación natural que se suceden ao longo da Ribeira Sacra e que está impregnado dunha mensaxe clara pola constitúe un manifesto elocuente sobre a necesidade de ser sustentables e garantir a continuidade deste belo patrimonio".