A primeira marcha cicloturista “A Ribeira Sacra Cycling Road” que organiza o Inorde, co apoio da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, vén de demostrar hoxe que esta contorna ourensá é o lugar idóneo para acoller eventos de cicloturismo mesturando a beleza paisaxística e natural da zona coa dureza do territorio.
A xerente do Inorde, Emma González, acompañada por autoridades locais e autonómicas, foi a encargada de entregar unha placa conmemorativa, á saída da proba en Luintra, ao campión do mundo no ano 1995 e tamén gañador de La Vuelta España, Abraham Olano, padriño desta primeira edición da marcha cicloturista.
Este evento contribuíu a divulgar e a promocionar unha das zonas emblemáticas da nosa provincia como é a Ribeira Sacra, amosando a través do deporte a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que ofrece este territorio. A proba, que transcorreu polos municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, reuniu a 335 participantes dos que preto do 40% procedían de fóra de Galicia (Madrid, León, Asturias, País Vasco...).
Ademais, a marcha cicloturista contou con deportistas profesionais como Iván Feijóo ou Carlos Canal, o único profesional galego que participou en La Vuelta España e que non quixo perderse esta cita na Ribeira Sacra.
Os deportistas puideron participar nun dos tres posibles percorridos ofrecidos: gran fondo de 115 quilómetros e +2700 metros de desnivel; medio fondo de 100 quilómetros e +2200 metros de desnivel; e o mini fondo de 65 quilómetros e +1400 metros de desnivel. “A Ribeira Sacra Cycling Road” contou cun tramo cronometrado con circulación libre que incluía a última subida, con ramplas do 24%. Así mesmo, os tres primeiros de dito tramo recibiron un premio especial.
A proba, de carácter non competitivo, finalizou coa seguinte clasificación: o primeiro posto do mini fondo foi para José Antonio Figueiras; Anxo Cid do Club CC Antelano logrou o primeiro posto do medio fondo; e David Mayo do Club Ciclista León foi o gañador do gran fondo e do tramo cronometrado.
Esta marcha cicloturista é unha das probas que forma parte do convenio asinado entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia para colaborar entre ambas entidades na realización de diversas actividades de dinamización turística da provincia de Ourense.