Ourense Cidade

O Psoe rexeita a inteción de Jacome na adquisición do complexo do Bamio

Os socialistas explican que os custes económicos de manteñemento serían inviables e que o alcalde pretende levar adiante o proceso dun xeito escuro

Óscar Gómez

Ourense |

O Psoe rexeita a inteción de Jacome na adquisición do complexo do Bamio | La Voz de Galicia

O grupo municipal socialista denuncia que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pretende levar a cabo a “adquisición” do complexo deportivo Bamio sobre “a base do informe polo cal se rexeitara a súa compra”, precisamente polo “estado de ruína” na que se atopaba e pola súa “inviabilidade económica” e que é o mesmo que no ano 2018 elaboraron os técnicos do Concello”.

Así, si hai poucos días o alcalde afirmou que había un novo informe no que se minoraba o posible importe de adquisición do Bamio, na última reunión do CMD, ante a insistencia dos concelleiros socialistas, “veu recoñecer que non existía ese novo informe” ao respecto. Así, tendo en conta a opinión dos técnicos do Concello, xa no ano 2018 o custe de reparación das instalacións do Bamio ascendían a 2.769.5214 euros –un importe que hoxe sería, seguramente, máis elevado-, o que se traduce nun estado de “ruína económica do inmoble”, ademais da “ruína técnica” na que se atopaba xa ano 2018, por ter afectados de xeito grave os elementos estruturais das instalacións.

Os socialistas inquiren que o alcalde tenta a compra do inmoble por un prezo de 700.000, ao que habería que engadir o importe, ben das reparacións necesarias, ben da demolición e nova construción das mesmas. O que ascendería a unha proposta de compra e reconstrución ao redor de 4 M de € para as arcas municipais, e que, a posteriori, tamén suporía co seu mantemento unha hipoteca alta para o Concello de Ourense. Os concelleiros insisten no feito de que “a parcela na que se atopa situado o complexo deportivo aínda tería que ser xestionada urbanísticamente de cara ao seu futuro uso de acordo co plan urbanístico de 1986 actualmente vixente”.

Por outra banda, o pasado 22 de outubro, na reunión ordinaria do Consello Municipal de Deportes, os concelleiros socialistas, Wilson Jones e Borja López, requirían ao Alcalde -agora presidente do CMD- sobre o estado das xestións de compra do Bamio. Nesa reunión, Jácome afirmou (tal e como consta en acta) que “o prezo de compra é de 700.000 euros, que o propietario ten débedas co Concello por IBI e plusvalías de en torno aos 200.000 euros e que, polo tanto, o prezo de adquisición para él sería de 500.000 euros”. Con esta afirmación, o rexidor estaba a manifestar a súa intención de “condonar as débedas cos actuais propietarios mesturándoas co proceso de compra”, cando unha cousa non ten que ver coa outra, “non se pode acadar un prezo máis ventaxoso descontando algo que estás obrigado a pagar”. E a pregunta que xurde é si non “se levaron a cabo as accións necesarias para o cobro efectivo desa débeda municipal mediante accións legais” e acadar, por exemplo, o embargo desas instalacións a favor do Concello; estaríamos así, asistindo a un “presunto trato de favor da empresa dona do complexo” sin ningunha xustificación, agás “escuros intereses”.

O PSOE sempre defendeu a necesidade de “novas dotacións deportivas para a cidade para todo tipo de disciplinas deportivas, ademais da posta en valor e reparación das existentes, pero non podemos abrir instalacións que logo non podemos garantir que acaben sumidas no abandono e pechadas”, explican. Na compra do Bamio non existe “nin viabilidade económica da inversión nin garantías de que o Concello poida manter a súa apertura e uso no futuro”.

Por outra banda, no momento no que nos atopamos de crise global a todos os niveis pero sobre todo no contexto económico e sociosanitario actual, debería valorarse tamén se é “realmente unha prioridade para a cidade adquirir e reconstruír esta dotación ou se deben destinar estas altísimas cantidades económicas a outros servizos de primeira necesidade e protección social para toda cidadanía”.