Ourense Cidade

O Psoe reclama unha unidade de oncoloxía pediátrica no CHOU e axudas para as familias das crianzas

Villarino resalta que estamos ante “unha das solicitudes máis necesarias deste mandato” porque “fala de mellorar a saúde das nosas crianzas” afectadas por enfermidades oncolóxicas.

Óscar Gómez

Ourense | 25.04.2023 14:11

O Psoe reclama unha unidade de oncoloxía pediátrica no CHOU e axudas para as familias das crianzas
O Psoe reclama unha unidade de oncoloxía pediátrica no CHOU e axudas para as familias das crianzas | onda cero

O PSdeG-PSOE reclama axudas para as familias dos nenos e nenas con cáncer que deben ser tratados fóra da provincia, así como a creación dunha unidade especializada en oncoloxía pediátrica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para evitar, precisamente, estes indesexables desprazamentos durante períodos de tempo tan prolongados.

Mediante unha iniciativa que se votará no pleno da Deputación Provincial deste venres, reclamarán “aprobar axudas económicas, mediante a fórmula legal que mellor aconsellen os técnicos, destinadas ás familias de nenos e nenas residentes en Ourense, afectados ou afectadas por enfermidades oncolóxicas, que se ven obrigadas a desprazarse a outras provincias para que os seus pequenos e pequenas sobrevivan”.

Así mesmo, pedirán ao goberno presidido por Manuel Baltar e ao resto da corporación provincial, instar á Xunta a “reequilibrar o sistema galego de atención no ámbito da oncoloxía pediátrica, creando no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense unha unidade específica deste servizo, de referencia interprovincial e que atenda aos nenos e nenas de todo o interior da comunidade, evitando que a duplicidade nunha mesma provincia provoque que outras dúas carezan desta prestación, motivando adversos e prolongados desprazamentos forzosos das familias afectadas”.

Os e as socialistas salientan que, segundo os datos da Sociedade Española de Oncoloxía Médica, o servizo de oncoloxía do CHUO conta cuns 60 profesionais entre médicos, médicas, enfermeiros e enfermeiras especializados, así como outros profesionais sanitarios. Tamén ten seccións dedicadas á docencia, investigación e prazas para a formación MIR pero, sen embargo, non atende algo tan básico como a nenos e nenas con cáncer.

En Galicia só existen tres unidades específicas deste servizo, situadas todas no eixo atlántico: no CHUAC da Coruña, no CHUS de Santiago e no CHUVI de Vigo. “Esta estraña e irracional distribución dun servizo tan esencial, na que unha das catro provincias galegas conta con dúas unidades moi próximas, mentres que outras dúas provincias (Ourense e Lugo) non teñen ningunha, provoca que moitas familias teñan que trasladarse durante longos períodos, incluso anos, a outras cidades, para que os seus fillos e fillas reciban tratamento para non morrer”, denuncian desde o PSOE.

O voceiro, Rafa Villarino, resalta que estamos ante “unha das solicitudes máis necesarias do mandato”, porque “fala da saúde das nosas crianzas” que “deben saír da provincia” porque “unicamente Lugo e Ourense están fóra desa cobertura”. “Que fixo a Xunta durante todos estes anos para defender a estas persoas tan indefensas?” preguntouse antes de afirmar que “nada”, posto que, actualmente, son asociacións de persoas que xa pasaron por esa situación as que realizan labores de apoio económico, psicosocial ou de acompañamento.

“Este desprazamento supón un importante gasto económico, xa que, ademais das viaxes, o tempo no hospital implica unha mudanza forzosa para o acompañamento”, denuncia antes de salientar o papel “fundamental” de asociacións que suplen unha axuda que “deberían prestar as administracións motu proprio desde hai tempo”. “Algunhas das persoas relatan auténticas adversidades, que pasan por durmir nos seus vehículos ou nunha incómoda cadeira da habitación, porque non teñen outra posibilidade”, asevera Villarino.

Segundo a información facilitada, unha media anual de cinco familias da provincia de Ourense precisa de axuda económica ou de solucións habitacionais alleas prestadas por asociacións, para facer fronte a este período.

“É imprescindible promover desde todas entidades públicas ou privadas melloras na atención sanitaria destes cativos e cativas, así como apoio ás súas familias nun momento tan complicado”, insisten antes de defender que a Deputación e o resto de administracións “deben actuar canto antes ante unha necesidade que é vital para o presente o futuro da nosa veciñanza”.

“Desde o PSdeG-PSOE consideramos irracional, ineficiente e pouco humano que unha provincia galega conte con dúas unidades, mentres hai outras sen ningunha, onde familias enteiras sofren un auténtico calvario para ser atendidos para sobrevivir e por iso tamén cremos imprescindible dotar ao CHUO desa unidade de oncoloxía pediátrica”, conclúen.