O PSdeG-PSOE presenta unha batería de propostas para a os actos do Día Internacional da Muller e reivindica que o Concello se implique na celebración do 8M, garantindo a seguridade das persoas e sen renunciar á conmemoración dun día “histórico para os dereitos das mulleres”.
A concelleira Concha García levará ao Consello da Igualdade desta tarde unha batería de iniciativas entre as que están a posta en valor do Parque 25-N, a reactivación do rueiro das mulleres ou a realización dun mural de graffiti feminista que retrate aquelas mulleres que forman parte da historia da cidade.
Ademais, os socialistas solicitarán que se dea lectura ao manifesto do 8M no propio parque de Reza –rebautizado como Parque 25-N e actualmente abandonado–; que se promovan obradoiros telemáticos na liña temática da muller como líder, –proposta pola ONU para este ano–; e que o goberno local organice unha exposición urbana de fotografías que teñan como eixo central o papel da muller coidadora, así como as profesións feminizadas, “tan relevantes sempre, e especialmente durante a pandemia”, concretou García.
“Temos que evitar a toda costa que o “microgoberno” empregue a Covid para baleirar de contido un día tan sinalado como é o Día Internacional da Muller”. Neste sentido, García defendeu que a celebración do 8M “cobra aínda maior relevancia” pola situación na que se atopa Ourense tralo desmantelamento das políticas de igualdade e dos servizos de atención á muller na cidade.
Así, os socialistas instarán ao Concello a que proceda á elaboración IV Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense 2021-2024, dado que o anterior expirou a finais de 2020 e “polo momento nada se sabe do novo, malia aprobarse, no pleno de novembro, unha moción a favor da súa redacción, presentación e aprobación”, subliña García.
Lingua de signos
A concelleira defenderá, asemade, que todos os actos vencellados ao 8M que teñan lugar na cidade se realicen co acompañamento dun intérprete de lingua de signos. “Consideramos que é imprescindible asegurar o dereito acceso en igualdade á programación do Concello por parte de todos os colectivos que así o desexen, incluídas as persoas xordas da cidade.”.