Colectivo LGBTI

O Psoe insta a recuperar a programación do mes do orgullo na cidade

Esíxenlle ao bigoberno que condene “rotundamente” as agresións LGBIfóbicas, como as acontecidas nos últimos tempos, e remate coa “involución” e o “abandono” cara o colectivo LGTBI da cidade.

Óscar Gómez

Ourense | 27.05.2022 08:04

O Psoe insta a recuperar a programación do mes do orgullo na cidade
O Psoe insta a recuperar a programación do mes do orgullo na cidade | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense e as Xuventudes Socialistas de Ourense veñen de presentar unha moción, na que piden que se declare a cidade como concello libre de LGTBIfobia e para instar ao goberno municipal a recuperar a programación de actividades de conmemoración do Día do Orgullo LGTBI 2022 na cidade. Os e as socialistas critican que nos últimos 7 anos, cos gobernos do Partido Popular e Democracia Ourensana, produciuse unha clara “involución” e un “absoluto desleixo” con respecto ao colectivo LGTBI na cidade.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Socialista e as Xuventudes Socialistas decidiron dar un paso adiante, xa que tal e como explican “estamos ante un momento transcendental para a cidade, no que debemos apostar aínda máis polas políticas de igualdade e dotar de maior contido o programa de actividades de conmemoración do mes do Orgullo ou de calquera campaña relacionada coa visibilización e apoio ao colectivo LGTBI durante o ano”. Consideran que “é preciso restaurar e potenciar o obrigado respaldo institucional por parte do Concello de Ourense”, xa que tal e como apuntan “nunca se debeu perder”.

O Grupo Municipal Socialista lembra que dende o ano 2015 ata a actualidade “levamos adiante diversas iniciativas ano tras ano para dar visibilidade a realidade do colectivo ou reclamar o compromiso institucional coas persoas LGTBI”. Os e as socialistas fan fincapé en que “tamén fixemos o que nunca pensamos que teríamos que ter feito, como é reclamar a condena e a repulsa, por parte do goberno da terceira cidade de Galicia, de calquera tipo de agresión LGTBIfóbica”, xa que tal e como indican “o bigoberno do PP e DO nin tan sequera foi quen de condenar este tipo de agresións”.

Iván Losada Vidal, representante de Xuventudes Socialistas, sinala que todas as propostas presentadas polo PSdeG-PSOE e as Xuventudes “caeron en saco roto, con gobernos municipais que non da pulos, nin axudan, nin se sitúan a carón do colectivo LGTBI”. Apunta tamén a que dende hai 7 anos “non existe programación cultural polo mes do Orgullo e chegamos o punto de ter un alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que o ano pasado negouse a colgar no consistorio a bandeira LGTBI, e incluso tivemos que ler comentarios LGTBIfóbicos por parte do tenente de alcalde, Armando Ojea, e de asesores”.

Losada Vidal tamén afirma que ao actual bigoberno “non lle importa o colectivo, cando aceptan o marco ideolóxico da extrema dereita, ante as últimas agresións acontecidas en Ourense, Ribadavia, Vigo ou Verín”. O representante de Xuventudes Socialista tamén fai fincapé en que a “Jácome non lle importamos o colectivo, nin as mulleres, nin os sindicatos, só lle importa el mesmo” e destaca que “o PP de Feijóo e Rueda tamén é culpable, xa que a actual Lei LGTBI galega está baleira de contido e non se está executando”.

declarar Ourense como unha cidade libre de LGTBIfobia

Pola súa banda, a vicevoceira do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, subliña que “é hora de declarar Ourense como unha cidade libre de LGTBIfobia” e condena o que pasa nas rúas cada día “onde se cometen agresións, discriminacións e vexacións polo mero feito de ser quen somos e amar a quen queremos”. Ante esta situación, a concelleira socialista considera que “ten que haber un consenso e unha condena pública a todo este tipo de agresións e actitudes”.

González Beneitez tamén apunta que “é importante que Ourense conte cunha programación digna e completa para o mes do Orgullo e para o colectivo LGTBI ao longo do resto do ano” e afirma que o Concello de Ourense “ten que dar apoio institucional a colectivos desta cidade como Avante ou A Galleira que traballan día a día en favor do colectivo”. A secretaria municipal dos socialistas na cidade de Ourense pídelle ao goberno municipal que “sitúe Ourense no mapa, para que a cidade deixe de ser unha cidade en branco e negro e sexamos unha cidade de cores, na que todos e todas sexamos iguais e ondeemos a bandeira da liberdade e a igualdade dunha vez por todas”.

Por último, o voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destaca que a cidade de Ourense “pasou do adianto que tiña cando gobernaba o PSOE, ao atraso co bigoberno”, xa que segundo manifesta, o actual bigoberno “fai gala do abandono e o esquecemento a un colectivo que se atopa absolutamente desamparado polo Concello”. O líder dos socialistas ourensáns sinala que ante esta situación de “desleixo”, o PSOE “da, unha vez máis, un paso ao fronte para reclamar que se teña en conta a todos os colectivos, especialmente ao colectivo LGTBI, que está particularmente discriminado”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense fai fincapé en que Ourense “ten que ser un exemplo e unirse o resto do territorio nacional”, e lembra que “España é un país avanzado gracias ao PSOE, Galicia ten unha lei LGTBI gracias aos e ás socialistas e Ourense tamén debe ser un exemplo e por iso loitaremos”. Villarino finaliza apuntando que “calquera sociedade avanzada ten que ser plural e diversa e recoñecer a realidade das persoas que forman parte da sociedade e non ancorarse no pasado como acontece en lugares onde aínda existen comportamentos LGTBIfóbicos”.