Ourense Cidade

O Psoe comprometese a recuperar a Universidade Popular en maio de 2023

Marcan tres liñas fundamentais para o futuro da UPO: dependencias de calidade, o rexistro na Federación Española de Universidades Populares e a ampliación e reactivación da actividade docente.

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2022 13:05

O Psoe esixe que Jácome asine a adhesión de ourense o plan resurbe
O Psoe comprometese a recuperar a Universidade Popular en maio de 2023 | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense participou no acto de clausura do ano cultural en honra da Universidade Popular organizado pola plataforma ‘Non ao peche da UPO’, que tivo lugar no Liceo, onde as e os socialistas amosaron o seu incondicional apoio ao colectivo e se comprometeron a “recuperar, mellorar e dignificar a Universidade Popular a partir do mes de maio de 2023”.

No seu discurso sobre o futuro da UPO, a voceira municipal socialista, Natalia González, agradeceu aos membros da plataforma o seu “inmenso traballo” e “labor altruísta”, ao tempo puxo en valor os case 28 anos dunha institución “onde persoas de todas as idades acadaron unha formación continua e de calidade, e onde moitos profesionais compartiron os seus coñecementos para facer da educación e da cultura un ben común”, destacou.

“Viñemos aquí para falar de futuro, dun futuro próximo no que Ourense aspira a recuperar a súa dignidade, a súa identidade e o seu acervo cultural, e iso só pode ser realidade cando a sociedade e a política van da man nesa loita común”, incidiu a socialista.

González asegurou que “as e os socialistas imos deixarnos a pel para e por Ourense, cos nosos principios e as nosas ideas sempre presentes”, ao tempo que expresou o seu compromiso “firme e decidido” para pór en marcha unha proposta real de restitución da Universidade Popular de Ourense dende un goberno municipal renovado.

Neste sentido, a voceira falou de tres liñas fundamentais de actuación para asegurar o futuro da UPO: a recuperación do servizo formativo cunhas dependencias de calidade, o rexistro da UPO na Federación Española de Universidades Populares de España e a activación de mecanismos orzamentarios que permitan ampliar e reactivar a actividade docente.

A voceira municipal lamentou o peche da UPO hai dous anos por parte do actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, unha decisión que cualificou de “inquina persoal” malia a popularidade dos cursos e a reivindicación a prol da actividade formativa da Universidade Popular por parte dunha gran maioría social.

“Hoxe é día de coller forzas para escribir xuntas e xuntos o futuro da cidade que queremos e merecemos”, sinalou González, quen instou tamén a pasar páxina do “esperpento e a indignidade” para comezar a reescribir “con ilusión” o futuro da cidade.