Tecnoloxía

O Pseo impulsa a banda ancha na provincia

O deputado socialista, Adolfo Pérez Abellás, destaca que a extensión da banda ancha en Ourense “é un reto para este Goberno” e subliña que o obxectivo “é fixar poboación no rural ourensán”

Óscar Gómez

Ourense | 11.06.2021 09:53

O Pseo impulsa a banda ancha na provincia
O Pseo impulsa a banda ancha na provincia | La Voz de Galicia

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través dos seus representantes no Congreso dos Deputados Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón, quere pór de manifesto o “férreo compromiso” do Goberno de España para impulsar a banda ancha na provincia de Ourense, onde segundo os datos oficiais xa chega ao 56,81% da poboación. Esta información é froito da pregunta feita polos representantes socialistas da provincia na cámara baixa sobre cales eran as previsións do Goberno para impulsar a banda ancha e a fibra óptica nas zonas rurais de Ourense.

O Goberno central respondeu que no caso concreto da provincia de Ourense, a cobertura de redes de acceso de nova xeración (NGA) de máis de 100 Mbps “chega xa o 56,81% da poboación” e que na cobertura a velocidades de máis de 30 Mbps “a porcentaxe ascende ao 92,74% da poboación”. Unha vez rematados os traballos adxudicados e en execución das diferentes convocatorias do programa de extensión de banda ancha, “estímase que a cobertura a 100 Mbps alcanzará ao 78,18% da poboación en Ourense”, sinalan os deputados socialistas, trala información facilitada dende o Goberno.

O deputado do PSdeG-PSOE de Ourense, Adolfo Pérez Abellás, destaca que a extensión da banda ancha a zonas rurais como é o caso de Ourense “é un reto para este Goberno, xa que o 1 de decembro aprobou o Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais da sociedade, a economía e os territorios”. Un plan que tal e como afirma o deputado socialista “serve para estender a banda ancha ás zonas rurais máis dispersas e contribúe a pechar a fenda dixital territorial, e construír unha sociedade e economía máis inclusiva e sustentable”.

Abellás apunta que este plan adecuará a provincia de Ourense aos novos tempos a través de redes de acceso de “nova xeración e fibra óptica” o que segundo apunta “permitirá deixar atrás o ADSL ou os accesos a internet-radio a través de router ou unha sim”. Para o deputado ourensán o obxectivo do Goberno “é fixar poboación no rural e que ninguén quede atrás” gracias a este “reforzo” da conectividade de banda ancha.

Pola súa banda a parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Uxía Tizón, afirma que o Goberno encabezado por Pedro Sánchez “está a reducir a fenda dixital rural en banda ancha” e destaca que “sen dúbida existe un profundo compromiso do Goberno para cumprir os obxectivos de conectividade fixados”. A deputada socialista salienta que en Ourense estes obxectivos “cumpriranse usando a tecnoloxía precisa para cada contexto, xa sexa a través de fibra óptica, satélite ou outras coberturas”.

Tizón tamén subliña que “unha vez rematados os traballos adxudicados e que xa están en execución das diferentes convocatorias no programa de extensión de banda ancha, estímase que a cobertura de 100 mbps por segundo acadará o 78,18% da poboación en Ourense”. A socialista tamén pon de manifesto que “grazas a labor do Goberno a cobertura de fibra óptica nas zonas rurais no noso país acada o 46% da poboación, duplicando a media europea de cobertura rural”.

Entre a obxectivos clave deste Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais da sociedade, a economía e os territorios atópase o reforzo da conectividade de banda ancha con velocidade de acceso mínima de 30 Mbps naquelas áreas xeográficas que actualmente non contan con conexións de banda ancha no período transitorio até alcanzar polo menos 100 Mbps para o 100% a poboación.