Ourense Cidade

Primeira xornada de probas de sirenas de aviso á poboación das presas de Galicia

Santiago Villanueva, comprobou o desenvolvemento destas probas coas que garantir operatividade das sirenas e que non afectan á actividade diaria da veciñanza, pero nalgunhas zonas poden ser audibles.

Óscar Gómez

Ourense | 23.06.2023 07:54

Primeira xornada de probas de sirenas de aviso á poboación das presas de Galicia
Primeira xornada de probas de sirenas de aviso á poboación das presas de Galicia | onda cero

Santiago Villanueva, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobaron hoxe desde o centro de control da presa dos Peares de Naturgy en Ourense o desenvolvemento da primeira xornada de activación da proba das sirenas de aviso á poboación adscritas ás presas con Plan de Emerxencia.

A Xunta leva a cabo estas probas que non afectan á actividade diaria da veciñanza, pero que nalgunhas zonas poden ser audibles. Con esta revisión preténdese garantir a súa operatividade e que a poboación das zonas augas abaixo recoñeza o son. Na xornada de hoxe activáronse as sirenas de 28 das 39 presas previstas, así como as adscritas ao depósito de lodos vermellos en Xove. Mañá continuarase coas 11 restantes.

O exercicio estase a levar a cabo coa colaboración dos titulares das infraestruturas, isto é, Augas de Galicia, Emalcsa, Alcoa, Endesa, Iberdrola, Naturgy PHG e Xeal. Deste xeito, preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza ou son da sirena de aviso de evacuación.

En Galicia actualmente hai 45 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación como aos organismos xestores de emerxencias. Así, búscase estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalacións e, deste xeito, garantir a seguridade da cidadanía da contorna.

Aposta pola prevención

A Xunta subliña a importancia que teñen este tipo de exercicios na mellora da coordinación efectiva entre as administracións e as empresas, así como para garantir a seguridade na zona e manter á poboación preparada para o caso de materializarse a situación de emerxencia.