Eleccións Municipais

Paco Rodríguez comprométese propoñer a Ourense como capital cultural 2031

José Ramón Morgade expuxo o proceso a seguir para conseguir que a cidade sexa Capital Europea da Cultura 2031, entre o que se atopa a creación dun padroado para a colaboración interinstitucional

Óscar Gómez

Ourense | 08.05.2023 12:16

Paco Rodríguez comprométese propoñer a Ourense como capital cultural 2031
Paco Rodríguez comprométese propoñer a Ourense como capital cultural 2031 | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense presentou as medidas no ámbito cultural incluidas no seu programa electoral para conseguir que a cidade volva a ser un referente. Nunha rolda de prensa o candidato á alcaldía dos socialistas, Paco Rodríguez, incidiu na importancia de que a Concellería recupere o seu nome e funcións orixinais.

Ao acto asistiron tamén os membros da candidatura Manuel Freire e José Ramón Morgade, que explicaron polo miúdo o compromiso da formación para recuperar o festival do Outono Fotográfico e crear un premio neste eido que leve o nome de Benito Losada. “Foi un referente importantísimo da Casa da Xuventude e para a cidade”, argumentou o primeiro.

Nesta mesma liña, afirmou que promover un bono cultural redistributivo, para as persoas e a xuventude máis desfavorecidas, permitiría a tódolos ourensáns e ourensás asistir a obras de teatro, concertos ou actos culturais e que sería outra das medidas que levaría a cabo o PSdeG-PSOE na cidade no caso de gobernar despois das eleccións municipais do 28 de maio.

“Reabrir o espazo Lusquiños sería importante en tanto que os grupos novos de música que se creaban na cidade tiñan nel un local no que ensaiar e gravar as súas maquetas para despois editar un disco”, explicou. Tamén mencionou a relevancia de tódalas artes escénicas cos múltiples festivais de teatro e danza polos que Ourense era coñecido non só a nivel nacional, senón que tamén tiñan proxección internacional.

“É importante lembrar que a ausencia de cultura no afectou só aos espectadores e cidadáns que foron privados dunha oferta ampla, variada e para tódolos públicos. Tamén perxudicou ás empresas que se adicaban a este sector e tiveron que buscar traballo noutros lugares”, sinalou Freire. “Non podemos esquecer que as festas dos barrios e populares son só unha parte da cultura, pero a cultura non se limita só a este tipo de celebracións”, engadiu.

Pola súa banda, José Ramón Morgade expuxo no encontro cos medios de comunicación a intención de propoñer que Ourense sexa candidata para a Capital Europea da Cultura no 2031. “Xa hai outras cidades de España traballando para conseguir esa capitalidade e nós teriamos que poñernos a elo rapidamente para chegar en tempo e prazo ao 2025, que é cando hai que presentar a candidatura”, comentou.

Para elo elaboraráse o plan “Auria 2031, cultura e auga” logrando que sexa punto de referencia no noroeste peninsular. “Será un plan de traballo que marque os obxectivos, e estableza os tempos intermedios que se irán executando de maneira gradual. A este programa acompañaralle un plan de execución que mostre os avances dos dous camiños apuntados: a construción cultural da cidade e a estratexia institucional a levar adiante. Crearemos un padroado ou fundación que dirixirá todo o proceso e que a vez será o nexo de unión co resto das administracións implicadas”, subliñou Morgade.