Concello de ourense

Ourense é recoñecida a nivel nacional como Cidade Sostible

A cidade é unha das galardoadas nos Premios Ciudad Sostenible que desde hai 17 anos entrega a Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a colaboración de Ecoembes.

Óscar Gómez

Ourense | 28.01.2022 08:02

Ourense é recoñecida a nivel nacional como Cidade Sostible
Ourense é recoñecida a nivel nacional como Cidade Sostible | onda cero

Ourense obtén no Ministerio de Transición Ecolóxica o recoñecemento a nivel nacional de Cidade Sostenible na categoría de Auga. Así, a cidade é unha das galardonadas nos Premios Ciudad Sostenible que desde hai 17 anos entrega a Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a colaboración de Ecoembes, como recoñecemento aos municipios e entes locais supramunicipais do Estado español que apostasen por proxectos e actuacións dirixidas a potenciar a sustentabilidade. Deste xeito, Ourense entra así a formar parte dun selecto grupo de cidades recoñecidas polo seu traballo en favor do benestar dos seus veciños baseado en políticas de sustentabilidade e respecto polo medio ambiente local.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, acudirá esta tarde á entrega do galardón (ás 17 horas no Salón de Actos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) e amosa a súa satisfacción porque “estamos ante un recoñecemento a nivel nacional que premia o bo camino en política ambiental que desde a Concellería estamos a realizar, buscando como obxectivo un Ourense máis sustentable, máis verde e máis saudable para todos”.

Do mesmo xeito, Jorge Pumar desexa compartir este premio cos seus antecesores no cargo á fronte da Concellería de Medio Ambiente, “xa que a suma dos acertos de todos leváronnos ata este recoñecemento de grande importancia para a nosa cidade”.

O Concello de Ourense recibe o premio na categoría de Auga, coa liña de traballo ambiental “da seca á resiliencia fronte ao cambio climático”. Un municipio que a pesar da súa situación xeográfica nos últimos anos sufriu casos extremos de seca e busca plantar a cara a esas situacións para garantir un correcto acceso á auga como recurso vital. Os resultados pretenden a preservación da biodiversidade da cidade e a posta en valor dos ríos de maneira sostible.

Esta tarde terá lugar o acto de entrega dos Premios Ciudad Sostible no Auditorio do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Praza San Juan de la Cruz 10, Madrid). Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente entregará os premios e estará acompañado por Ramon Roca, presidente da Fundación Fórum Ambiental, e Begoña de Benita, directora de Relacións Externas de Ecoembes.

Trátase dun acto que estaba previsto realizar no primeiro trimestre de 2021 pero que as restricións da pandemia da COVID obrigaron á Fundación Fórum Ambiental a atrasalo ata esta data e poder garantir a realización do acto público de entrega dos Premios de forma presencial.

Outros premiados

Ademáis de Ourense, os restantes concellos premiados nesta edición foron os de Málaga; Ibi e Parla, na categoría de educación ambiental; Viladecans, na categoría de enerxía; Córdoba e Deltebre na categoría de residuos; Consell Comarcal do Vallés Occidental, na categoría de adaptación o cambio climático. Recoñeceuse tamén o labor de empresas como Green Globe Sypa, Fomento de Contratas e Ona neta Cleanware na categoría de cooperación público-privada.

O xurado cualificador de esta edición dos premios está composto por representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, e representantes dos gobernos autonómicos de Andalucía, Valencia, Castela e León, Galicia, ou Canarias.

Sobre a Fundación Fórum Ambiental

A Fundación Fórum Ambiental é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como principal obxectivo crear unha plataforma de diálogo e colaboración entre as empresas, as administracións e o resto da sociedade, para conseguir e aplicar conxuntamente un modelo de desenvolvemento máis sostible que o actual.

O seu traballo articúlase ao redor de tres liñas de actividade: información e divulgación, desenvolvemento de proxectos e apoio a programas de formación e de investigación. Estas liñas perseguen:

  • A incorporación da cultura ambiental á cultura empresarial

  • A difusión entre a sociedade da compatibilidade entre desenvolvemento empresarial sostible e a protección da calidade ambiental

  • O desenvolvemento e a protección dun sector autóctono de actividades económicas baseadas no Medio Ambiente.