A cidade de Ourense perderá o 80% da súa oferta termal como consecuencia da entrada en vigor da nova normativa autonómica, formada pola Lei 8/2019 de 23 de decembro de regulación do aproveitamento lúdico de augas termais de Galicia e da guía e plan de autocontrol de 16 de marzo de 2021. Así o asegurou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen avanzou que dados os requirimentos que establece a nova normativa, só poderán abrirse ao público unha poza na área termal da Chavasqueira e outra en Outariz, da ducia coas que conta actualmente a cidade na marxe dereita do río
Miño. A zona do Muiño non poderá abrir ao público como zona de baño a curto prazo e As Burgas requirirán a execución de obras de adaptación que se prolongarán como mínimo até o Nadal. Con esta normativa, “a Xunta finiquita o modelo termal” da cidade, xa que “non hai adaptación posible para conservar o que tiñamos”, asegurou o alcalde.
A nova normativa “tremendamente restritiva”, explicou o rexedor, obriga a renovar cada 4 horas na súa totalidade a auga de cada espazo de baño, o que require a aumentar drasticamente a demanda de caudal para cada poza. Un requisito, explica, “que ningún punto cumpre, polo que sería necesario concentrar o caudal a un punto en cada área termal”. En consecuencia, dixo, de todas as pozas da marxe dereita do río Miño só podería abrirse unha na Chavasqueira e outra en Outariz. No caso das Burgas, asegurou, “esíxenos os mesmos requisitos que para una piscina olímpica”, polo que será necesaria unha adaptación que podería estar lista para o Nadal.
No caso das termas do Muíño da Veiga, ao tratarse de zona de baño -non termal- habería que bombear a auga do río Miño directamente, pero o alcalde ve pouco probable que a Confederación Hidrográfica do río Miño-Sil o autorice. En calquera caso, poderíase tardar até 24 meses en adaptala a usos termais.