Oitocentos escolares da cidade participarán no programa de actividades “Concilia Verán”, que pon en marcha a Concellería de Educación do Concello de Ourense. A concelleira Tamara Silva achegouse aos centros (na fotografía o CEIP Amadeo Barroso) nos que se desenvolve a actividade, para darlles a benvida aos cativos e ás cativas e desexarlles que desfruten con este programa, que pretende proporcionarlles unha alternativa de lecer durante as súas vacacións escolares, ao tempo que axudar á conciliación das familias ourensás.
O programa 'Concilia Verán 2023' vai dirixido a nenos e nenas residentes no Concello de Ourense que naceron entre os anos 2011 e 2019. Desenvólvese por quincenas -do 3 ao 14 e do 17 ao 31 de xullo, e do 1 ao 14 e do 16 ao 31 de agosto- en 10 espazos municipais: os CEIP O Couto, Manuel Luís Acuña, Vistahermosa, Irmáns Villar, Amadeo Rodríguez Barroso, Covadonga, A Ponte, As Mercedes e Mestre Vide, e na Aula da Natureza do río Miño.
Este programa municipal quere ofrecerlles ás familias un espazo de lecer durante os meses de verán con actividades que fomentarán os hábitos de vida saudables, actitudes solidarias e de convivencia e o respecto polo medio ambiente.