Cultura

As Noites Teatrais regresan ao auditorio municipal de Vilamarín do 11 ao 15 de xullo

Desde o luns e ata o venres, a partir das 21.30 horas, o público poderá asistir ás propostas teatrais de cinco compañías galegas. O alcalde, Amador Vázquez, agradeceu o apoio da Deputación para unha edición “moi esperada, porque a xente necesítao, deséxao e meréceo”

Óscar Gómez

Ourense | 11.07.2022 08:50

As Noites Teatrais regresan ao auditorio municipal de Vilamarín do 11 ao 15 de xullo
As Noites Teatrais regresan ao auditorio municipal de Vilamarín do 11 ao 15 de xullo | onda cero

O auditorio municipal de Vilamarín acollerá do 11 ao 15 de xullo a XXXIII edición das Noites Teatrais, que regresan a escena logo de dous anos de ausencia como consecuencia da pandemia, cunha programación que inclúe cinco espectáculos a cargo doutras tantas compañías galegas.

Patricia Torres expresou os seus parabéns ao alcalde e maila concelleira “por ser quen de manter no tempo esta actividade teatral, conseguido que a veciñanza do concello, pero tamén da contorna e doutros puntos da provincia, teñan marcadas estas datas no calendario”. Un auténtico compromiso, engadiu, “por achegar a cultura ao rural”.

“Esta é unha edición moi esperada”, dixo Amador Vázquez, “porque a xente necesítao, deséxao e meréceo”. O alcalde recoñeceu o traballo de cantas persoas participan na organización deste ciclo, citando especialmente a Mariluz Villar “como pioneira nos comezos”, e á tenente alcalde “pola elección dos espectáculos para dar na diana do que a xente quere”. Vázquez tamén tivo palabras de agradecemento para a Deputación de Ourense polo continuo apoio, así como á Xunta de Galicia.

Sandra Quintas cualificou este ciclo como “unha cita obrigada para os amantes das artes escénicas e da axenda cultural na provincia”. Un exemplo, engadiu, “do resultado da colaboración entre as administracións públicas para manter vivos proxectos como este, que contribúen á dinamización das nosas vilas”.

Marina Rodríguez presentou unha programación “na que sempre tratamos de incluír ás compañías máis punteiras de Galicia”. Desde o luns e ata o venres, a partir das 21.30 horas- o público poderá asistir a cinco espectáculos. O primeiro, o día 11, co grupo de teatro de Vilamarín exercendo como anfitrión, que baixo a dirección de Eva Tato e Galicia Gutiérrez porá en escena a obra titulada As cuñadas.

O martes 12 representarase O porco de pé, de Producións Excéntricas coa dirección de Quico Cadaval. O día 13, mércores, será a quenda do grupo Talía que volve a Vilamarín con todo un clásico: Morte accidental dun anarquista, dirixida por Cándido Pazó. A compañía estradense Malasombra Producións porá en escena Sós, de José Prieto e Xoque Carbajal. O peche desta edición, o venres 15, correrá a cargo do grupo Ibuprofeno con Smoke on de water, de Santiago Cortegoso, considerado como un dos mellores espectáculos creados no presente ano.