Eleccións 23 Xullo

Noa Presas: “Esta lexislatura será a de blindar e ampliar dereitos laborais"

“Promoveremos a implantación da xornada laboral de 35 horas semanais, sen redución salarial, e a recuperación dos 45 de indemnización por despido improcedente” destaca.

Óscar Gómez

Ourense | 12.07.2023 08:01

Noa Presas: “Esta lexislatura será a de blindar e ampliar dereitos laborais"
Noa Presas: “Esta lexislatura será a de blindar e ampliar dereitos laborais" | onda cero

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, e a tamén candidata –e sindicalista- Helena Añel participaron nun encontro coa veciñanza da cidade para falar sobre as medidas que defende a organización nacionalista en materia laboral. Presas comprométese a defender en Madrid a derrogación da reforma laboral co obxectivo de que esta lexislatura sexa a de “blindar e ampliar dereitos” despois de que o Goberno do Estado renunciase a facelo durante a pasada. A organización nacionalista evidencia que, fronte os incumprimentos de PSOE e UP nesta materia, o BNG eríxese como a “garantía para avanzar na recuperación de dereitos laborais” condicionando as políticas do Estado cun Grupo Galego forte en Madrid.

Nun contexto de crise económica e social, o BNG presenta unha batería de medidas no ámbito laboral de cara ao 23 de xullo co obxectivo de blindar e ampliar os dereitos das traballadoras e traballadores. “Para o BNG a recuperación de dereitos roubados para as maiorías sociais é unha prioridade de primeira orde e imos a Madrid para condicionar as políticas do Estado” explica a cabeza de lista do BNG por Ourense. Neste sentido, continúa, a organización nacionalista demandará a derrogación íntegra das contrarreformas laborais e impulsará unha mudanza integral do Estatuto do traballo.

“Queremos recuperar os 45 días de indemnización por despido improcedente, a autorización administrativa previa no caso de despidos colectivos, os salarios de tramitación e mesmo que non se poidan producir descolgues dos convenios por parte das empresas” enumera Noa Presas. Alén do máis, propón a prevalencia dos convenios sectoriais sobre os de empresa e os convenios de ámbito provincial ou galego sobre os estatais. “Promoveremos medidas que poñan control á subcontratación para a equiparación real de dereitos dos traballadores e traballadores e co obxectivo de que haxa un refortalecemento da negociación colectiva” incide.

Sobre o Salario Mínimo Interprofesional, Noa Presas sinala a necesidade de cumprir coa Carta Social Europea que indica que debe situarte até o 60% do Salario Medio. “Promoveremos a implantación da xornada laboral de 35 horas semanais, sen redución salarial” salienta.

Plan de acción contra a sinistralidade en Ourense

Segundo os datos oficiais, Galiza atópase ano tras ano por riba da media estatal do Índice de Incidencia de accidentes mortais. No ano pasado, por exemplo, producíronse 6,59 mortes por cada 100.000 persoas traballadoras, fronte ás 3,51 no conxunto do Estado.

“Ourense ten a taxa de sinistralidade laboral máis alta de Galiza. Por este motivo defendemos impulsar un plan de acción contra a sinistralidade laboral” propón Presas. Neste programa, a organización nacionalista inclúa a promoción de emprego estable, sobre todo naqueles sectores con maior taxa de sinistralidade, así como un maior control e fiscalización das empresas e sectores que acumulan un alto número de accidentes. De forma paralela á redución da xornada laboral a 35 horas semanais, o BNG tamén reclamará a redución obrigatoria naquelas actividades máis perigosas.