Xunta de Galicia

Máis de 8M€ en novas axudas aos parques empresariais por parte da Xunta

A Xunta abre o prazo de solicitude para acceder ás axudas destinadas a modernizar as infraestruturas, que incorporan como novidade a posibilidade de instalar servizos de subministración de gas e hidróxeno; a implantar viveiros industriais e a liña para reforzar as redes de distribución eléctrica.

Óscar Gómez

Ourense | 04.02.2022 08:14

Máis de 8M€ en novas axudas aos parques empresariais por parte da Xunta
Máis de 8M€ en novas axudas aos parques empresariais por parte da Xunta | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou, acompañado do alcalde de Cea, José Luís Valladares, o parque empresarial de San Cristovo de Cea, onde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destinou preto de 115.000 euros para a mellora da súa infraestrutura viaria e 78.511 euros para a captación de auga do depósito contra incendios. O delegado territorial anunciou que a Xunta vén de convocar un total de 8,35 millóns de euros, (DOG do 26 de xaneiro) para tres ordes de axudas destinadas á mellora dos parques empresariais galegos, co obxectivo de renovar e modernizar estas infraestruturas, favorecer a creación de novas compañías e empregos, así como impulsar a competitividade do tecido empresarial galego.

En concreto, resérvanse 3,25 millóns de euros para a modernización de infraestruturas: instalación de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, sistemas de seguridade e vixilancia, instalacións de loita contra incendios, sistemas contra roubo de cable e, como novidade, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno. Poderán acceder a estas axudas os concellos galegos, que recibirán un máximo de 120.000 euros por proxecto, cantidade que ascende aos 138.000 no caso de presentar unha solicitude conxunta. O prazo para presentar solicitudes remata o 28 de febreiro.

Por outra parte, destínanse 1,5M€ a impulsar actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais para crear un viveiro industrial de empresas. Os apoios están dirixidos aos concellos, que deben ser titulares das naves. A axuda máxima será de 240.000 euros por solicitude. O prazo para pedir as axudas remata o 28 de febreiro.

Por último, a Xunta activará unha orde de axudas para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo ao parque empresarial. Os beneficiarios tamén serán os concellos, que poderán recibir un máximo dun millón de euros. En total resérvanse 3.600.737 euros. O prazo estará aberto ata o 26 de maio.

Estes tres apoios, de concorrencia competitiva, terán unha intensidade do 80% e contemplan anticipos de ata o 25% da axuda concedida, agás para a liña de redes que será do 50%. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do municipio e se é Concello Emprendedor.

Estas liñas contribúen a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas. Estes apoios xa permitiron impulsar máis de 700 proxectos ao longo das convocatorias anteriores.

Visita de Gabriel Alén
Visita de Gabriel Alén | onda cero

Convocatoria anterior

En total a Xunta de Galicia destinou en 2021 4,12M€ para apoiar 58 proxectos de mellora das infraestruturas de 52 parques empresariais repartidos por 51 municipios galegos. Deles, 38 son Concellos Emprendedores. A maior parte dos apoios (38) dedicáronse a infraestruturas viarias, aínda que tamén se realizaron proxectos relacionados coa xestión de residuos, a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, plantas de depuración de auga e colectores con vertedura á depuradora municipal, así como instalacións comúns destinadas á loita contra incendios dentro do parque.

A provincia de Ourense contou con proxectos en 11 parques empresarias, pertencentes a 10 concellos, que se apoiarán en un investimento subvencionable de máis de 1,1M de euros, dos que 912.222 euros serán aportados pola Xunta.