Concello de Ourense

Jácome estuda a celebración dun tramo urbano no Rallye de Ourense

Sería a primeira vez na historia na que a proba disputase un tramo na cidade e tamén en que unha proba do Super Campionato de España de Rallyes celebre un tramo cronometrado no centro dunha capital

O tramo tería un percorrido próximo aos dous quilómetros de lonxitude coa súa zona de saída e chegada nas inmediacións do edificio da Policía Local, chegando o seu punto álxido á rotonda do Pazo de Xustiza na rúa do Progreso

Óscar Gómez

Ourense | 03.03.2022 09:13

Jácome estuda a celebración dun tramo urbano no Rallye de Ourense
Jácome estuda a celebración dun tramo urbano no Rallye de Ourense | onda cero

O Concello de Ourense, a través da Alcaldía, está a estudar cos organizadores do Rallye de Ourense a celebración na edición deste ano -que terá lugar os días 16, 17 e 18 de xuño- dun tramo urbano no centro da cidade, que tería como principal protagonista á Ponte do Milenio.

Sería a primeira vez na historia na que a proba automobilística ourensá por excelencia disputase un tramo na cidade, e tamén en que unha proba do Super Campionato de España de Rallyes celebre un tramo cronometrado no centro dunha capital de provincia.

O tramo tería un percorrido próximo aos dous quilómetros de lonxitude coa súa zona de saída e chegada nas inmediacións do edificio da Policía Local, chegando o seu punto álxido á rotonda do Pazo de Xustiza na rúa do Progreso.

"O Rallye de Ourense sempre contou co apoio do Concello de Ourense; é máis, naceu grazas á Comisión de Festas Municipal de 1967, e a súa verdadeira competición sempre estivo en diferentes localidades da provincia. Con este novo tramo a proba disputaríase tamén en pleno centro da cidade, algo que nunca ocorreu e que seguro que faría gozar aos ourensáns do automobilismo sen saír da cidade e aos veciños da zona ata sen saír das súas casas. Poderían ser máis de 20.000 as persoas que terían espazos para gozar do Rallye en plena cidade" comenta o Alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome.

--