Ourense Cidade

Inicianse as obras das sendas que conecetarán Ourense de norte a sur

A senda entre As Caldas e a Ponte Romana conectará cun treito de senda peonil e ciclista de 3,5 km entre Os Remedios e Expourense, que incluirá a reforma do Barbaña e a súa conexión co do Barbañica, mellorando os accesos ás Burgas e ao pavillón Paco Paz.

Óscar Gómez

Ourense | 12.12.2023 16:28

Inicianse as obras das sendas que conecetarán Ourense de norte a sur
Inicianse as obras das sendas que conecetarán Ourense de norte a sur | onda cero

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o inicio das obras das sendas que conectarán Ourense de norte a sur para transformar a mobilidade urbana cun investimento de 5,7 M€ e o obxectivo de concluílas a comezos de 2025.

Desde a zona onde están a comezar os traballos no Paseo do río Barbaña, Ethel Vázquez salientou que con estas obras dunha gran senda peonil e ciclista de máis de 4 km, a Xunta pretende completar a transformación da mobilidade urbana de Ourense, facilitando desprazamentos sostibles e saudables.

habilitar un itinerario único

As obras dan comezo agora e, como apuntou a conselleira, desenvolveranse coa máxima axilidade pero tamén, procurando minorar o impacto na vida da cidade, de forma que o obxectivo da Xunta é poñelas á disposición de Ourense e dos ourensáns a comezos do ano 2025.

Vázquez Mourelle indicou que esta actuación busca habilitar un itinerario único que, a efectos construtivos e de tramitación, se dividiu en dúas obras e que comezan agora a executarse de forma paralela. Así, na avenida das Caldas acometerase unha humanización integral para poñela en valor como porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal e coincide cun treito da Vía da Prata do Camiño de Santiago.

Precisamente debido ás obras que por fin impulsa o Ministerio de Transportes na terminal de ferrocarril será preciso realizar unha adaptación do proxecto para coordinar a senda e o carril bici previstos nesta avenida das Caldas coa futura glorieta de acceso á estación.

Ethel Vázquez concretou que se van reformar 600 metros de rúa, entre a intermodal e a Ponte Vella, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici e dotándoa de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga. Para compatibilizar as obras coa circulación cómpre acometer unha obra complementaria de fresado e reposición do aglomerado na rúa Ribeiriño, que obrigará a un corte de tráfico a vindeira semana.

A segunda peza deste itinerario, que se desenvolve entre Os Remedios e Expourense, pasando polo paseo do Barbaña, suporá actuar ao longo de 3,5 km de senda nos que se acondicionarán os itinerarios actuais, dándolle continuidade onde se interrompen. Os traballos están a iniciarse con sinalización e rozas na zona onde se enlazará a senda co acceso ás Burgas. Ademais, na intervención conectaranse os paseos do Barbaña e Barbañica e optimizaranse os accesos ao pavillón Paco Paz e a Expourense.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade sinalou que con estas obras executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando unha solución consensuada con Patrimonio á beirarrúa precintada na marxe dereita da Ponte Romana. A conselleira salientou a vontade da Xunta de transformar a mobilidade urbana en Ourense, incidindo en que para acadar ese obxectivo o máis eficaz é poñer á disposición dos cidadáns infraestruturas e servizos que fomenten desprazamentos limpos e sostibles e permitan gañar espazos públicos, para que os peóns teñan cada vez máis protagonismo fronte aos coches.

Isto, segundo subliñou, está a procurar convertelo en feitos desde hai anos a Xunta, con actuacións que achegan, tamén, seguridade viaria, comodidade e accesibilidade. A conselleira puxo en valor a construción na cidade da 1ª estación intermodal de Galicia, que permite un intercambio en a penas 30” entre o tren e o autobús. Un autobús, lembrou, que chega onde antes non chegaba, é máis barato ca nunca, gratis para os menores de 21 anos e, desde o 1 de xaneiro, serao tamén para os maiores de 65.

Tamén se referiu á recente finalización dos preto de 6 km de novos itinerarios seguros e sostibles impulsados en Valdorregueiro e en Montealegre e tamén na Rabaza, A Ponte Sevilla e avenida de Ponferrada, logo dun investimento da Xunta de 3,4 M€, no marco do Plan de sendas da comarca de Ourense.

Agora, tal e como incidiu Ethel Vázquez, a Xunta quere completar ese traballo con novas actuacións como as que se veñen de iniciar que chegan máis alá das estradas autonómicas para promover desprazamentos limpos e saudables no centro da cidade. Estas intervencións enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.