Meteoroloxía

Galicia rexistrou un mes de Abril cun 32% menos de choiva do habitual

Os rexistros de precipitacións máis altos en termos absolutos producíronse nas comarcas do Sar e do Xallas mentres que onde menos choveu foi en Valdeorras

Óscar Gómez

Ourense | 05.05.2022 12:54

Galicia rexistrou un mes de Abril cun 32% menos de choiva do habitual
Galicia rexistrou un mes de Abril cun 32% menos de choiva do habitual | 20 minutos

Galicia rexistrou un mes de abril normal en canto ás temperaturas e seco no que respecta ás precipitacións xa que segundo os datos obtidos nas estacións máis representativas da Comunidade choveu de media un 32% menos do habitual nesta época do ano.

Estas son as principais conclusións do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que subliña que o pasado abril foi un mes tipicamente primaveral, marcado pola alternancia de períodos fríos e secos, algunha borrasca bastante activa en canto ás precipitacións e xornadas anticiclónicas de sol e calor.

Así, os días 7 e 8 a climatoloxía estivo marcada na Comunidade polo paso da borrasca Diego, que deixou chuvias xeneralizadas e ventos intensos. As xornadas do 11 e do 12 de abril tamén estiveron caracterizadas por unha situación similar, debido neste caso á influencia da borrasca Evelyn.

Pola contra, tanto o comezo como os tres últimos días do mes viñeron marcados polo predominio anticiclónico, que trouxo a Galicia xornadas de ceos despexados pero con temperaturas moi dispares. Así, durante a primeira semana de abril rexistrouse unha entrada de aire moi frío procedente de Europa que mesmo deixou xeadas importantes no interior. Pola contra, o mes rematou con tres xornadas de sol e calor que axudaron a compensar as temperaturas medias, que se moveron finalmente dentro da normalidade.

En todo caso, a característica máis salientable do mes hai que buscala nos rexistros de chuvia. Así, a anomalía media en Galicia obtida a partir dos datos das 16 estacións meteorolóxicas máis representativas, foi un 32% inferior ao valor climático normal, sendo o precedente máis próximo o do ano 2017, durante o que choveu un 83% menos.

Ata 241 l/m2 nas comarcas do Sar e do Xallas

Con carácter xeral, as precipitacións acumuladas ao longo do mes quedaron algo por debaixo do esperado nesta época do ano xa que, á excepción das xornadas marcadas polo paso das borrascas Diego e Evelyn, o resto do período rexistrou chuvias irregulares.

Os valores absolutos máis elevados acadáronse nas comarcas do Sar e do Xallas, onde se contabilizaron localmente ata 241 l/m2. Pola contra, os valores de chuvia máis modestos de toda a Comunidade producíronse en Valdeorras, con ao redor de 14,4 l/m2.

En canto ás anomalías medias por zonas, a porcentaxe máis alta de precipitacións en comparación cos valores do período de referencia 1981-2010 rexistrouse na Baixa Limia, onde choveu ata un 75% por riba do normal; e a máis baixa, nas comarcas de Ferrol de Ortegal, cun 94% menos de chuvia.

Por último, no que respecta ao comportamento das temperaturas e segundo os datos das estacións meteorolóxicas máis representativas, as medias acadadas no conxunto de Galicia movéronse en valores dentro da normalidade; de feito, os meses de abril dos dous anos anteriores foron máis cálidos que este.

Con todo, houbo contrastes notables desde o punto de vista térmico entre as distintas zonas da Comunidade. Así, as anomalías negativas máis significativas detectáronse no interior da comarca de Lemos e en Verín, onde a temperatura media quedou preto dos 0,9 graos por debaixo do agardado; pola contra, os valores máis altos rexistrados no mes de abril foron os de Lugo, comarca na que os termómetros se situaron de media ata 1,6 graos por riba do habitual.