Datos paro Galicia

Galicia lidera a caída do paro no estado cun 13,49% de baixada

Con respecto á evolución anual, invértese a tendencia negativa do 2020 e o desemprego baixa por segundo mes consecutivo, recuperando o ritmo de baixada anterior ao comezo da pandemia

Óscar Gómez

Ourense | 02.06.2021 11:38

Galicia lidera a caída do paro no estado cun 13,49% de baixada
Galicia lidera a caída do paro no estado cun 13,49% de baixada | Xunta de Galicia

O paro baixou en Galicia e as afiliacións á Seguridade Social e a contratación aumentaron na evolución anual e mensual. Así o destacou a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, quen indicou que o mercado laboral galego continúa resistindo á covid 19. Hai menos paro que ao inicio da pandemia, 26.323 parados menos que en abril de 2020, o que supón un descenso do -13,74%.

Na evolución anual, Galicia lidera a caída do paro no Estado cunha baixada do 13,49%, o que supón, ademais, un diferencial de 11,5 puntos coa media de descenso do paro rexistrada en España. Invértese a tendencia negativa do 2020 e baixa o paro por segundo mes consecutivo. En concreto, diminúe en 25.776 persoas con respecto a maio de 2020, recuperando o ritmo de baixada anterior ao comezo da pandemia. Galicia, ademais, tal e como apuntou Lado, segue a un nivel de paro inferior ao de maio de 2009, é dicir, ao rexistrado hai 12 anos. O descenso reflectido é o maior de toda a serie histórica de datos, desde 1996, en termos relativos.

Ademais, as afiliacións crecen nun 3,5%, o que supón a maior subida desde 2007. Galicia volve a superar o millón de afiliacións (1.010.528) situándose a un nivel superior ao reflectido hai dez anos. A contratación tamén medra, tanto a indefinida (+95,14%) como a tempo completo (+95,47%). En Galicia, o aumento dos contratos en xeral é superior ao reflectido no Estado.

¿Cuándo se cobra el paro y el ERTE en mayo? Días clave y cantidad de la prestación
¿Cuándo se cobra el paro y el ERTE en mayo? Días clave y cantidad de la prestación | Agencia EFE

Evolución mensual

Na evolución mensual, Galicia acumula cinco meses seguidos de caída de paro, desde xaneiro ata maio. De feito, a redución en maio do -3,2% (-5.472 persoas) con respecto a abril supón unha cifra similar ás baixadas reflectidas nos anos anteriores á crise sanitaria; e é a terceira maior caída porcentual nun mes de maio desde 2008. En termos absolutos, a baixada é maior á reflectida en maio de 2020 e en maio de 2019. As afiliacións e as contratacións tamén se incrementan con respecto a abril deste ano.

O paro, ademais, baixa na evolución anual e mensual en todos os sectores de actividade, nas catro provincias, nas sete grandes cidades e nos principais colectivos prioritarios para o Goberno galego como é o caso dos menores de 30, maiores de 45 anos e mulleres.

as políticas activas de emprego que a Xunta desenvolve “están a dar os seus froitos”

Para seguir impulsando o emprego de calidade na Comunidade e melloralo, Zeltia Lado explicou que a Xunta aposta a medio prazo pola formación dixital, flexible e adaptada e continuada ao longo de toda a vida laboral das persoas traballadoras. Lembrou, ademais, que a Consellería de Emprego e Igualdade está traballando no deseño de laboratorios de emprendemento en cada comarca e na modernización das oficinas de emprego. “Antes do verán, Galicia contará cunha Axenda Galega de Capacidades, froito dun gran pacto cos axentes sociais, que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación”, engadiu.

A directora xeral, ademais, esgrimiu que paralelamente a Xunta continúa activando axudas directas, áxiles e vencelladas aos empresarios e empresarias de Galicia. Ao respecto, avanzou que coa activación do terceiro Plan de rescate, Galicia terá posto a disposición do seu tecido empresarial 416 millóns de euros en seis meses.