Datos Paro

Galicia é a cuarta comunidade na que máis cae o paro en Febreiro

Galicia ten 13.509 persoas menos en paro que hai un ano, que descendeu nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a industria.

Óscar Gómez

Ourense | 04.03.2024 13:22

Galicia é a cuarta comunidade na que máis cae o paro en Febreiro
Galicia é a cuarta comunidade na que máis cae o paro en Febreiro | onda cero

Con respecto a febreiro de 2023, Galicia é a 4ª comunidade autónoma na que máis baixou o paro, en termos absolutos e relativos. En concreto, conta con 13.509 persoas menos en situación de desemprego (-9,38%). A caída reflectida tivo lugar nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a industria (-13,5%), seguida da construción (-12,97%).

Por colectivos prioritarios, Rivo salientou que a cifra de menores de 30 anos e de mulleres é a máis baixa nun febreiro desde que hai rexistros, desde 2006; e o número de parados de longa duración é o menor nun febreiro desde 2009. En canto ás afiliacións, Galicia gañou no último ano 19.194 cotizacións á Seguridade Social e segue a superar o millón (1.055.018) cun nivel superior ao reflectido hai 15 anos.

Con respecto á comparativa mensual, indicou que o paro descendeu en todos os sectores de actividade e as afiliacións creceron nun +0,43%, a un ritmo de subida semellante a España.

Avance no emprego feminino

A conselleira na semana de conmemoración do 8-M, Día da Muller, sinalou o avance nas cifras do emprego feminino destacando que Galicia está a crear traballo neste eido. Así, o paro entre as mulleres baixou o dobre en Galicia que no Estado, na comparativa mensual e anual. Ademais, insistiu en que a cifra de mulleres desempregadas é a máis baixa nun febreiro desde que hai rexistros, desde 2006. Con respecto ás afiliacións femininas, creceron nas comparativas mensual (+0,36%) e anual (+2,15%), sendo a porcentaxe de mulleres afiliadas en febreiro de 2024 en Galicia do 49,18% fronte ao 47,26% do Estado.

Rivo, ademais, salientou o “firme compromiso” da Xunta co impulso do emprego de calidade, do emprendemento e traballo autónomo, que segundo apuntou, está avalado polos máis de 86 millóns activados nos dous primeiros meses do ano dos 100 millóns dedicados a estes eidos para todo 2024.