Empleo

Galicia crea emprego e lidera a caída do paro

O desemprego baixa con respecto a marzo e a hai un ano en todos os sectores de actividade, nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en colectivos prioritarios como son as mulleres e os menores de 30 anos

Óscar Gómez

Ourense | 06.05.2021 08:15

Galicia crea emprego e lidera a caída do paro
Galicia crea emprego e lidera a caída do paro | onda cero

Galicia pechou o mes de abril creando emprego, con máis afiliacións á Seguridade Social e con máis contratacións, e con menos paro nas evolucións anual e mensual. Ademais, foi a comunidade galega con maior caída do paro tamén con respecto a marzo e a hai un ano. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou hoxe que os datos do paro rexistrado reflicten que o mercado laboral galego está a resistir á covid-19, xa que o desemprego cae tamén, na evolución anual e mensual, en todos os sectores de actividade, nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en colectivos prioritarios para a Xunta como son as mulleres ou os menores de 30 anos.

Lado, en primeiro lugar, sinalou que Galicia reflicte menos paro que ao inicio da pandemia: con respecto a abril de 2020, que marca o impacto inicial da crise sanitaria, hai 20.851 parados menos (-10,88%).

Na evolución mensual, con respecto a marzo deste ano, a caída do paro nun -5,5% (-9.941 persoas) supón a maior baixada de toda a serie histórica (1996), tanto en termos absolutos como porcentuais e sitúa a Galicia como a comunidade autónoma con maior descenso do paro. A baixada en Galicia supera á media estatal en 4,51 puntos.

O mercado laboral galego continúa, así, a evolución positiva rexistrada nos meses de abril desde o ano 2013, que só se viu interrompida en abril de 2020 polo inicio da pandemia. As afiliacións crecen (+0,33%) e contratación tamén medra nun 5,84%, mentres que no conxunto estatal baixa nun -3,37%.

Evolución anual

Con respecto a hai un ano, na evolución anual, Galicia tamén lidera a caída do paro (-10,88%) en termos absolutos e porcentuais que, pola contra, crece no Estado (+2,07%) e inverte a tendencia negativa rexistrada en abril de 2020.

O paro, en concreto, cae nun -10,88% (-20.851 persoas) recuperando o ritmo de baixada anterior ao comezo da pandemia. O descenso do -10,88% é o segundo maior de toda a serie histórica de datos e, ademais, Galicia segue a niveis de paro inferiores ao reflectido en abril de 2009, hai 12 anos.

Con respecto ás afiliacións, a comunidade galega volve a crear emprego e supera o millón de cotizacións ao aumentar nun 2,79% con respecto a hai un ano. Supón o maior crecemento de afiliacións a nivel anual desde o ano 2007, tanto en termos absolutos como relativos. Medra tamén a contratación indefinida (+188,26%), triplicándose case por tres en termos absolutos, e a tempo completo (+142,84%), que crece máis do dobre en valores absolutos. O ritmo de subida da contratación en xeral é maior en Galicia que no Estado e tamén a indefinida.

Lado, pese aos datos positivos deste mes de abril, apelou á prudencia e destacou que a máxima prioridade da Xunta é na actualidade manter a actividade económica e o emprego de Galicia. Así, indicou que a Xunta continúa traballando na mesma liña que ata o de agora: inxectando liquidez ao tecido empresarial a través de axudas directas e poñendo en marcha programas de impulso ao emprego e á formación para continuar reactivando o mercado laboral.

Deste xeito, lembrou que a Administración autonómica vén de ampliar en 21 millóns de euros, ata un total de 96 millóns, o segundo Plan de rescate para apoiar a todos os establecementos que cumpriron cos requisitos e apoiar a súa viabilidade. A Xunta mobilizou en seis meses 182 millóns de euros e traballa xa na elaboración dun terceiro Plan que, segundo matizou Lado, activarase en canto o Estado decida transferir os cartos. A directora xeral tamén sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a semana pasada un paquete de axudas dotado con 16,2 millóns de euros para apoiar a contratación de 1.800 persoas sen emprego nos concellos galegos; e recordou que xa está aberto o prazo de solicitude para optar ás axudas coas que a Xunta reforza a formación das persoas desempregadas cun investimento de 44,3 millóns de euros para cualificar a 16.600 persoas a través de máis de 1.100 cursos.