Medio Ambiente

Gadis recicla máis de 9.500 toneladas anuais de residuos

Máis do 95% dos residuos que xera na plataforma loxística central de Betanzos reciben unha nova vida útil aplicando un modelo de economía circular de forma transversal en toda a cadea de valor.

Óscar Gómez

Ourense | 02.06.2023 08:42

Gadis recicla máis de 9.500 toneladas anuais de residuos
Gadis recicla máis de 9.500 toneladas anuais de residuos | onda cero

Gadis continúa avanzando na súa estratexia ambiental, que vira ao redor da xestión responsable dos residuos, a optimización loxística, a máxima eficiencia enerxética e o impulso á produción sostible e de proximidade. Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio, a compañía 100% galega fai balance da súa política de sustentabilidade, baseada nun modelo de economía circular que aplica de maneira transversal.

Reciclaxe e reutilización dos residuos

A compañía reutiliza máis do 95% dos residuos que xera na súa plataforma loxística central de Betanzos (A Coruña). Grazas a esta aposta pola circularidade, converteu máis de 7.300 toneladas de papel e cartón en caixas reciclables, que actualmente se utilizan para os envíos de pedidos a domicilio. Ademais, en 2022, reciclou máis de 9.500 toneladas de cartón, madeira e plástico. Co plástico reciclado están fabricadas preto de medio millón de caixas reutilizables, coas que se levaron a cabo máis de 4,6 millóns de movementos en procesos loxísticos. Estes recipientes teñen o selo de garantía de calidade e circularidade “Cradle To Cradle”.

A xestión dos recursos na súa plataforma loxística, onde un equipo de 30 profesionais se dedica en exclusiva a esta tarefa, converteu a Gadis na primeira empresa galega do seu sector en obter o selo ‘De Residuos A Recursos: Zero A Vertedero’ de Saica Natur, que recoñece ás organizacións cos estándares máis esixentes na valorización de residuos.

Entre as medidas sostibles para a valorización e reutilización nos puntos de venda atópanse a recollida de cápsulas de café en 75 Supermercados Gadis, e a instalación de “illas de reciclaxe”, onde os clientes poden depositar residuos de diferentes orixes.

Sustentabilidade como sinal de identidade

Cun modelo de negocio 100% sostible, Gadis pon en marcha continuamente medidas para minimizar o uso de plástico nos puntos de venda. Exemplo diso é a atención personalizada no mostrador tradicional, que favorece a redución de envoltorios e envases e promove a compra responsable entre os clientes, xa que este modelo permite axustar ao máximo as necesidades de cada un. Ademais, as bolsas e recipientes das seccións de produto fresco son 100% biodegradables, compostables, reciclables e reutilizables.

Outra das súas fortalezas, que contribúe a unha maior sustentabilidade de toda a cadea, é o impulso a unha produción máis sostible e de proximidade, a través das compras aos seus máis de 1.000 provedores de orixe local. Esta aposta trasládase aos puntos de venda, onde se incentiva o consumo de produtos frescos e de tempada, ofrecendo, ademais, máis de 500 referencias ecolóxicas. Esta aposta contribúe á redución da pegada ambiental, e reforza a eficacia do seu sistema loxístico, o que permite optimizar os roteiros de transporte, que a compañía controla desde a orixe ata os puntos de venda, garantindo a rastrexabilidade. En aras de reforzar a mobilidade sostible, está a renovar a frota de vehículos propios e optimizando os sistemas de refrixeración.

Medidas de eficiencia enerxética

A compañía traballa para alcanzar a máxima eficiencia enerxética nos puntos de venda. Para iso, as reformas dos supermercados e as novas construcións realízanse baixo estritos parámetros de sustentabilidade ambiental, priorizando o aproveitamento dos recursos naturais, e implantando tecnoloxías máis eficaces para a refrixeración, climatización e iluminación. O aforro estimado é de ata o 40% con respecto a instalacións tradicionais. Ademais, en 2022, puxéronse en marcha dúas novas instalacións de enerxía renovables, con máis de 400 paneis fotovoltaicos, que permiten un aforro de 220.000 KWh anuais.

Concienciación e formación

Como parte do seu compromiso coa sociedade, Gadis desenvolve desde hai máis de 20 anos o programa educativo Alimentes para concienciar a miles de nenos e nenas sobre o consumo responsable, evitar o desperdicio alimentario, e o fomento de hábitos de vida saudable. E, doutra banda, a compañía súmase ao longo do ano a diferentes campañas de sensibilización ambiental, en colaboración con diversas organizacións. Todas estas iniciativas forman parte da súa política ambiental, centrada en promover un impacto positivo na súa contorna.