Cultura

A exposición "No Camiño” chega a Ribas de Sil

Foi inaugurada na Casa do Concello de Ribas de Sil a mostra itinerante "NO CAMIÑO", que co subtítulo "As imaxes que viron os peregrinos" recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago.

Óscar Gómez

Ourense | 29.09.2022 08:45

A exposición "No Camiño” chega a Ribas de Sil
A exposición "No Camiño” chega a Ribas de Sil | onda cero

A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e actualmente está a percorrer os Camiños de Santiago por toda Galicia. Participaron na presentación Rosa María Quiñones, concelleira de Servizos Sociais, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

No Camiño: Señores da luz, Señores da palabra

Son SEÑORES DA LUZ os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son SEÑORES DA PALABRA os que -en poesía ou en prosa- fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chamámoslle a esta

acción “NO CAMIÑO”, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento.

Con este Proxecto-Homenaxe a –coñecidos ou anónimos- históricos Señores da Luz e da Palabra, SEÑORES DOS CAMIÑOS en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.

As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador. A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.