O galardón, convocado anualmente pola Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 euros para cada modalidade e ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo, así como recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas.
O xurado desta edición estivo formado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrío e Isabel Mociño -como vogais, en representación dos grupos políticos presentes na Corporación provincial- e Ana Malingre, xefa de sección de Arquivo e Publicacións, como secretaria, ademais da propia Patricia Torres como presidenta.
Francisco Castro, unha longa e recoñecida traxectoria
Francisco Castro (Vigo, 1966) estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, é cronista cultural en varios medios galegos e na actualidade dirixe a Editorial Galaxia. Na súa traxectoria como escritor xa foi distinguido con diversos galardóns, como o Premio Frei Martín Sarmiento por “Un bosque cheo de faias” (2004). En 2006 recibiu o Premio Blanco Amor de novela longa con “Spam”. Un ano despois gañou o Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela “As palabras da néboa”. Tamén en 2007 foi distinguido co Frei Martín Sarmiento ao mellor libro do ano por “O ceo dos afogados”.
En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García "Borobó", e tamén nese ano publicou a novela “Chamádeme Simbad”. A finais do ano 2010 foi nomeado presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), cargo que desenvolveu ata finais de 2015.
Elena Andrés, un novo talento da ilustración
Elena Andrés Rodríguez (Ourense, 1997), graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, vén de rematar os estudos na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, preparando na actualidade diversos traballos profesionais.