Premio

Elena Andrés, gañadora do XIX Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración

O xurado, reunido no Pazo Provincial, sinala que as láminas “recollen moi ben o que relata o texto, incidindo na expresión dos sentimentos e das emocións”, ademais de destacar “a riqueza de detalles que configuran cada plano e a portada”.

Óscar Gómez

Ourense | 07.10.2022 08:53

Elena Andrés, gañadora do XIX Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración
Elena Andrés, gañadora do XIX Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración | onda cero

A ilustradora ourensá Elena Andrés é a gañadora do XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de ilustración, certame organizado anualmente pola Deputación de Ourense e dotado con 1.500 euros. O traballo escollido polo xurado, reunido esta mañá na sala de xuntas do Pazo Provincial, ilustrará o libro Xoán, Xoana, do escritor e editor Francisco Castro, gañador na modalidade de narración.

No seu fallo, os membros do xurado destacan que as láminas “recollen moi ben o que relata o texto, incidindo na expresión dos sentimentos e das emocións” Unha valoración que tamén destaca a adaptación das imaxes ao público ao que vai dirixido, así como “a riqueza de detalles que configuran cada plano e a portada”. O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura da Deputación, Patricia Torres, actuando como secretaria Ana Malingre, e como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrío e Isabel Mociño.

Elena Andrés Rodríguez (Ourense, 1997), graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, vén de rematar os estudos na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, preparando na actualidade diversos traballos profesionais. Desde sempre tivo unha “especial atracción pola ilustración”, vocación que pensa desenvolver “aínda que nunca pensara que se podía vivir disto”.