Ourense Provincia

A deputación de Ourense concede axudas de cooperación os concellos

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe as bases para a concesión de subvencións destinadas ao fomento de actividades escénicas e culturais en 2023, cun orzamento total de 90.000 euros.

Óscar Gómez

Ourense | 20.12.2022 07:50

A deputación de Ourense concede axudas de cooperación os concellos
A deputación de Ourense concede axudas de cooperación os concellos | onda cero

A maior contía das achegas corresponde á colaboración cos concellos, onde a Xunta de Goberno acordou conceder 25.000 euros a Baños de Molgas para mellora de espazos deportivos; 6.000 euros a Boborás para o premio Antón Losada Diéguez; 48.000 a Cartelle para obras de saneamento en Couseliño; máis de 33.000 euros a Gomesende para obras en Casal de Poulo; e case 4.000 euros a Larouco para un proxecto de tratamento silvícola.

O Concello de Manzaneda contará con 29.000 para mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público en varios núcleos de poboación; Monterrei disporá de 48.000 euros para urbanizar a contorna de Outeiro Lama de Mazaira; A Rúa recibirá 35.000 euros para a reactivación cultural, turística e deportiva do municipio; Toén abonará a redacción do proxecto do campo de fútbol cunha subvención de 18.000 euros; e o Concello da Veiga terá 30.000 euros para o campamento astronómico.

No capítulo de cooperación con entidades, a sesión desta mañá deu o visto bo a unha subvención de 100.000 euros para o Foro La Región en concepto de organización de actividades; 6.500 euros á asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras para sinalización; 5.000 euros para o colectivo Audiovisual Vía XIV para gastos de funcionamento; e 10.000 euros con idéntica finalidade para a asociación veciñal Gutier Menéndez de Vilanova dos Infantes.

A Fundación Antón Losada Diéguez tamén contará con 10.000 euros para gastos de funcionamento; os empresarios do polígono industrial de Xinzo de Limia disporán de 18.000 euros para sinalización e rego; a mesma cantidade irá destinada á Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) para financiar a súa actividade; A Federación de Comercio de Ourense recibirá 25.000 euros para proxectos; e o Consorcio Ribeira Sacra terá case 28.000 euros para o seu plan de sostibilidade turística.

Achegas para actividades escénicas e culturais

A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases que regularán o concurso de concesión de axudas para o fomento de actividades escénicas e culturais, entendendo por tales as correspondentes a bandas de música e gaitas, agrupacións corais, tunas, orquestras ou grupos de música tradicional, folk, pop, rock, jazz ou clásica, así como grupos de teatro, de danza tradicional galega, ballet clásico ou contemporáneo, solistas ou intérpretes, espectáculos de maxia, humor e

calquera outra actividade análoga. Estas axudas contan cun orzamento total de 90.000 euros, mentres que o importe a subvencionar será do 50 % do custo total de cada actuación. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP e ata o 20 de decembro de 2023.

Outro dos asuntos tratados na convocatoria deste luns foi a fixación de prezos públicos para once libros incluídos no Plan de Publicacións 2022 da Deputación, obras que serán editadas desde a sección de Arquivo e Publicacións.

Apoio á titulación de FP de mobilidade segura e sostible

A orde do día incluíu a aprobación da solicitude da Asociación Provincial de Autoescolas de Ourense para a implantación, o próximo curso, da titulación de FP de Técnico Superior en Formación para a Mobilidade Segura e Sostible. Este é un novo paso logo do compromiso expresado polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, para impulsar a implantación deste ciclo en Ourense, asumindo o goberno provincial a interlocución directa coa Xunta de Galicia para reivindicar esta titulación. O acordo de hoxe será remitido á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.