Premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo"

Deputación de Ourense e Colexio de Xornalistas acordan potenciar o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial ao decano do Colexio de Xornalistas, Francisco González Sarria, coa fin de estreitar a colaboración entre ambas entidades e reforzar o achegamento do labor xornalístico á sociedade ourensá

Onda Cero Ourense

Ourense | 13.10.2023 12:58

Deputación de Ourense e Colexio de Xornalistas acordan potenciar o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”
Deputación de Ourense e Colexio de Xornalistas acordan potenciar o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” | Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial ao decano do Colexio de Xornalistas, Francisco González Sarria, coa fin de estreitar a colaboración entre ambas entidades e reforzar o achegamento do labor xornalístico á sociedade ourensá.

“O Premio Carracedo é un sinal de identidade e liberdade na nosa provincia, e por iso debemos relanzalo trala merma que sufriu por mor da pandemia”, sinalou Menor Pérez, quen tamén se amosa disposto a poñer en marcha iniciativas como obradoiros para achegar o labor xornalístico á cidadanía.

“A súa traxectoria avala a este certame e desde o Colexio de Xornalistas consideramos que debe ser reforzado”, recalcou Francisco González Sarria.

O presidente da Deputación de Ourense e o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia mantiveron un encontro de traballo no Pazo Provincial co fin de estreitar a colaboración entre ambas entidades e reforzar o achegamento do labor xornalístico á sociedade ourensá. Luis Menor e Francisco González Sarria acordaron a necesidade de potenciar o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, que este ano alcanzou a súa 32ª edición, tratándose dun certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa do xornalismo de calidade feito en Galicia.

Premio Xosé Aurelio Carracedo

“O Premio Carracedo é un sinal de identidade e símbolo de liberdade na nosa provincia, e por iso debemos relanzalo trala merma que sufriu por mor da pandemia”, sinalou Luis Menor, quen tamén se amosa disposto a poñer en marcha iniciativas, en colaboración co Colexio de Xornalistas, como obradoiros para escolares, “coa fin de achegar o labor xornalístico á cidadanía e ensinarlles aos máis novos a saber discernir entre a información veraz e as noticias falsas”.

Pola súa banda, o decano do Colexio de Xornalistas recalcou que “a traxectoria do Premio Carracedo o avala e consideramos que debe ser reforzado”. Tamén abundou Francisco González Sarria na necesidade de cooperar coa Deputación en diferentes programas de formación en centros de ensino, como por exemplo para abordar temas de igualdade desde o punto de vista do Xornalismo e que poida servir como materia de traballo para o alumnado da provincia.

Tanto Luis Menor como Francisco González Sarria manifestaron a súa satisfacción pola cooperación que a Deputación e o Colexio de Xornalistas van a manter “de primeira man e con altura de miras”.