Ourense Provincia

A Deputación inicia a primeira fase do plan “Comercio Rural de Ourense”

Os negocios de 18 municipios das comarcas de Celanova, Terra de Trives e Viana poderán adherirse a un programa que, mediante o uso de colectores, facilitará a separación de embalaxes, papel e cartón nos propios comercios.

Óscar Gómez

Ourense | 04.01.2023 07:53

A Deputación inicia a primeira fase do plan “Comercio Rural de Ourense”
A Deputación inicia a primeira fase do plan “Comercio Rural de Ourense” | onda cero

A Deputación de Ourense vén de poñer en marcha a primeira fase do proxecto “Comercio Rural de Ourense” (CROu) para promover entre os comerciantes e consumidores das comarcas de Celanova, Terra de Trives e Viana a selección de residuos en orixe mediante o uso de colectores instalados nos propios negocios, impulsando así novos hábitos sustentables. O proxecto suporá un investimento de preto de 258.000 euros, dos que o 70 %, algo máis de 180.000 euros, están financiados a través dos fondos Next Generation, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, convocatoria na que a Deputación ourensá obtivo a máxima puntuación de toda España.

O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, e a deputada de Reto Demográfico, Luz Doporto, visitaron Celanova para entregar os primeiros contedores do programa ao presidente da asociación de comerciantes, Francisco Villar, ao que lle agradeceron a implicación da entidade e dos asociados nesta primeira acción do programa. Pablo Pérez destacou que “a colaboración do comercio rural supón unha gran achega cara o fomento dunha nova mentalidade medioambiental”. Unhas palabras que referendou Luz Doporto sinalando que grazas a programas como este “xérase un novo sentido de responsabilidade colectiva que contribúe a reducir o impacto negativo no medio en zonas de reto demográfico”.

Nesta primeira fase, o proxecto CROu entregará dous colectores a todos os comerciantes de Celanova, Terra de Trives e Viana que se adhiran ao plan. Estes contedores permitirán almacenar temporalmente e de maneira selectiva embalaxes de plástico, papel ou cartón, para despois trasladalos ao contedor de proximidade do servizo público de recollida de residuos. As actuacións completaranse con campañas formativas, de promoción e de sensibilización ambiental. Esta actividade enmárcase tamén no convenio susbcrito entre a Deputación de Ourense e Ecoembes.

Actualización do censo e segunda fase sobre transformación dixital

O ámbito territorial do programa abarca os dezaoito municipios das tres comarcas citadas, nas que segundo o Instituto Galego de Estatística están rexistradas 435 actividades empresariais no sector. Delas o maior número corresponde ao comercio polo miúdo (268); seguido do comercio almacenista (96); e a venda e reparación de vehículos (71). Debido a que estes datos son xenéricos, están agrupados e son do ano 2019, a Deputación de Ourense realizará un estudo previo para dispoñer dun censo actualizado da actividade comercial e as súas características.

Este novo censo tamén facilitará a posta en marcha da segunda fase do proxecto CROu, que estará centrada no uso das novas tecnoloxías no sector. Grazas aos resultados da análise previa poderán deseñarse e orientarse as iniciativas a desenvolver para a transformación dixital dos negocios.