Xunta de Galicia

Creación de 10 casas niño para a conciliación no rural

Na actualidade, están en funcionamento 95 centros desta tipoloxía por toda a Comunidade que ofrecen 475 prazas gratuítas de atención a nenos de 0 a 3 anos.

Óscar Gómez

Ourense | 15.03.2023 09:54

Creación de 10 casas niño para a conciliación no rural
Creación de 10 casas niño para a conciliación no rural | onda cero

A Xunta mantén aberta a convocatoria para a creación de 10 novas casas niño, que permitirán seguir levando recursos de conciliación a concellos do rural sen escola infantil. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou recentemente as dúas casas niño que o Goberno galego impulsou no concello de Castrelo de Miño, onde destacou a calidade na atención destes centros e as oportunidades laborais que ofrece neste municipio.

Na actualidade existen por toda Galicia un total de 95 casas niño que poñen á disposición das familias 475 prazas gratuítas para a atención a nenos de 0 a 3 anos. Coa creación das 10 novas casas niño, esta oferta incrementarase en 50 prazas máis. Deste xeito, continúase apostando por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.

A Xunta segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou da gratuidade de todas as escolas infantís para todos os fillos e independentemente da titularidade do centro.