Concello de Allariz

Continúan as obras do parque infantil de Tras San Bieito en Allariz

A obra consistirá na substitución dos elementos da zona de xogo por uns novos, o cambio do firme de caucho por céspede artificial especial para parques infantís.

Óscar Gómez

Ourense | 13.10.2022 19:01

Continúan as obras do parque infantil de Tras San Bieito en Allariz
Continúan as obras do parque infantil de Tras San Bieito en Allariz | onda cero

O Concello de Allariz continua coa mellora de espazos municipais. A obras de remodelación do espazo localizado detrás de San Bieito, comezaba coa retirada fai uns meses dos elementos. O proxecto englobou tamén o asfaltado da zona, así como o do Camiño dos Caños que vai ata Nanín. Estas intervencións entran dentro do programa de renovación de espazos urbanos e veranse completadas coa zona de xogo remodelada.

A obra consistirá na substitución dos elementos da zona de xogo por uns novos, o cambio do firme de caucho por céspede artificial especial para parques infantís cunha base amortecida, a mellora da pista polideportiva, cambio de elementos como redes e pintado e a remodelación de parte da varanda de dita pista, que xunto co novo peche da zona de xogo, farán desta zona urbana un agradable lugar para que as crianzas e a mocidade desfruten do espazo.

Por outra banda dentro desta remodelación o Concello está a traballar para integrar uns murais na zona para darlle unha imaxe máis afable e integrada ao lugar. Con esta intervención o Concello de Allariz comeza a segunda fase do Plan de mellora de zonas lúdicas, completando as xa realizadas na zona do Portovello e Vilanova. O custe total da obra ascende a 90.000€, cun financiamento por parte da Deputación Provincial de 70.000€ e unha achega con fondos municipal de 20.000€.