Expourense celebra os días 30 de novembro e 1 de decembro unha dobre vencellada co turismo activo e deportivo que analizará o impacto no turismo da organización de grandes eventos deportivos, actividades que contribúen á desestacionalización e á achega visitantes de proximidade. Por un lado, celebrarase a sexta edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo, e polo outro celebrarase o IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte. Estas dúas citas complementarias promocionarán a Galicia como un destino atractivo e competitivo para o turismo deportivo e convocarán a profesionais de toda a Península.
Estes dous eventos complementarios foron presentados esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o deputado de Turismo da Deputación Provincial de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o director deportivo de Expourense, Mario González.
IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte
O IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte contará coa participación de 23 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico.
Neste congreso analizaranse experiencias de éxito en diferentes destinos que poderían ser replicables noutros e que permitirán explorar posibles vías de crecemento neste sector económico e de emprego tan significativo como é o do turismo vinculado ao deporte, despois do grande impacto que tivo a pandemia no sector. Cómpre lembrar que o sector deportivo xera na actualidade en Galicia máis de 12.000 postos de traballo, cun volume de negocio de mil seiscentos millóns de euros (1.600 M €).