A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión a prórroga, por un ano, do contrato para a prestación do servizo de comida no fogar. Adxudicado á empresa Alimentación Saludable Gallega SL, o contrato, vixente até o 28 de febreiro de 2022, estenderase un ano máis, até o 28 de febreiro de 2023, o que suporá unha achega económica de 204.160 euros por parte do Concello, que abonará 6,38 euros por menú, IVE incluído
Comida no fogar é un servizo, habitualmente complementario do servizo de axuda a domicilio, que mediante persoal cualificado lles subministra diariamente comida no seu domicilio ás persoas que pola súa especial situación así o requiran.
Na mesma sesión, a xunta local concedeu un total de 5 licenzas de obra, para os proxectos:
básico e de execución de reforma dun edificio na rúa doutor Marañon.
básico e de execución de reforma de local para uso comercial na rúa Aviles de Taramancos
básico e de execución de reforma de vivenda en Prado Lameiro
básico e de execución para substitución de ascensor en Serra Martiñá
Licenza de obra e actividade para proxecto básico e de execución de residencia para persoas maiores entre as rúas Vicente Risco e Ramón e Cajal, cun orzamento de execución material de 3.148.820,14 euros.
A este respecto, desde a área de Urbanismo, a concelleira Sonia Ogando sinala que "continuamos traballando para axilizar licenzas en proxectos de envergadura para a cidade, facilitando que o investimento privado se consolide en Ourense, creando emprego e oportunidades. Todo o que está na nosa man e podemos sacar adiante, facémolo".
Asimesmo, Sonia Ogando lamenta que, doutra banda, "proxectos que multiplicarían por 4 este investimento, como é o da Fundación Amancio Ortega no Pino, sufra o bloqueo contumaz e mezquino de PSOE, BNG e os tránsfugas de DO (salvo Miguel Caride), que impiden coa súa política destrutiva que Ourense conte cunha residencia de maiores de 12 millóns de euros, con 120 prazas e a creación de máis de 100 empregos directos. É un exemplo claro do tipo de política que exercemos uns e exercen outros dentro do Concello de Ourense".
A xunta de goberno tratou na súa reunión desta semana un total de 19 asuntos, dos que 13 foron presentados pola Avogacía Consistorial. Concretamente:
Reclamacións de danos. O Concello reclamará xudicialmente os danos ocasionados por vehículos a diferentes bens de titularidade municipal: unha árbore na rúa Pardo bazán, un sinal de tráfico na glorieta de Pardo de Cela, un espello e un poste na rúa das Lagoas, e un valado de protección de zona axardinada na Avenida de Portugal.
Personamentos. O Concello personarase diante do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense en calidade de prexudicado nas dilixencias previas por senllos delictos de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e danos a bens de titulariedade municipal. Tamén se personará, neste caso como demandado, diante deste xulgado por unha reclamación de responsabilidade patrimonial interposta polo titular dun vehículo e a súa aseguradora por danos presuntamente causados polo mal estado dunha rúa