Ourense Cidade

O Concello de Ourense inicia as obras dun ascensor exterior entre Aviles de Taramancos e Ervedelo

O alcalde de Ourense presentou este proxecto, que iniciará un “eixe vertical único en España” de máis de 1 km de lonxitude, e que comunicará con elementos mecánicos a cota máis baixa da cidade, o río Barbaña, coa máis alta, o complexo de San Francisco.

Óscar Gómez

Ourense | 06.02.2023 12:47

O Concello de Ourense inicia as obras dun ascensor exterior entre Aviles de Taramancos e Ervedelo
O Concello de Ourense inicia as obras dun ascensor exterior entre Aviles de Taramancos e Ervedelo | onda cero

O alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome, presentou un novo proxecto de mellora da accesibilidade e da mobilidade peonil que executa o Concello de Ourense na cidade: a instalación dun ascensor exterior que comunicará a rúa Avilés de Taramancos, xunto ao río Barbaña, coa rúa Ervedelo. Trátase dunha obra “historicamente demandada”, explicou o rexedor, que pretende facilitar os desprazamentos de todas as persoas que cada día soben e baixan as escaleiras actualmente existentes para acceder desde o centro da cidade ou o barrio do Couto ao paseo do río, e viceversa.

O ascensor proporcionaralles un tránsito máis cómodo, coa posibilidade de utilizar carros de bebés ou da compra, maletas, etc. polo que lles proporcionará “unha tremenda calidade de vida a todos os veciños desta zona e tamén a quen utilicen a ribeira do Barbaña, que ademais conecta espazos como o Pavillón dos Remedios e o Pazo Paco Paz, pasando polo Polvorín”, asegurou o alcalde.

Gonzalo Jácome destacou que esta será unha obra “mítica”, dado que será o inicio dun eixe vertical que conectará a través de elementos de mobilidade vertical a zona máis baixa da cidade, o río Barbaña, coa máis alta, o complexo cultural de San Francisco.

O ascensor enlazará o río Barbaña coa rúa Ervedelo, a poucos metros da rúa da Concordia, onde se están a instalar ramplas mecánicas que desembocarán nas proximidades da rúa Arturo Pérez Serantes. Esta vía contará tamén con ramplas e levará ata un ascensor que chegará até o complexo de San Francisco: “Poderemos unir a parte máis baixa da cidade coa máis alta. Será o eixe más grande de España”, asegurou o alcalde. As obras teñen un orzamento de 540.000 euros e un prazo de execución 5 meses.