Ourense Cidade

O Concello de Ourense celebra o San Lázaro con animación de rúa e a Queima das Madamitas

Durante a fin de semana estarán instalados arredor do parque de San Lázaro 16 postos de rosquillas, lambetadas, abelás e produtos típicos desta festa.

Óscar Gómez

Ourense | 24.03.2023 13:48

O Concello de Ourense celebra o San Lázaro con animación de rúa e a Queima das Madamitas
O Concello de Ourense celebra o San Lázaro con animación de rúa e a Queima das Madamitas | onda cero

O Concello de Ourense celebra este domingo, 26 de marzo, a festividade do San Lázaro con animación de rúa -haberá allborada con gaiteiros e xigantes e cabezudos polas rúas do Paseo, Santo Domingo e o propio parque San Lázaro- e a tradicional Queima das Madamitas, a cargo da pirotecnia Josman.

Os actos comezarán pouco antes do mediodía, coincidindo co remate da misa solemne á que acudirá a corporación municipal. Ás 11.45 horas sairá a banda de Redegaitas, acompañados dos cabezudos tradicionais e, desde as 13.00 horas, a zona da Subdelegación do Goberno, será o centro das actividades conmemorativas de San Lázaro, coa Queima das Madamitas. Trátase dun acto inspirado nun rito pagán que data do século XII e que marca o final do inverno e dálle a benvida á primavera ao tempo que anuncia a proximidade da Semana Santa. Lázaro, Ramos, en Pascuas estamos...

As madamitas son unhas figuras de papel articuladas, que xiran nunha rápida ruleta ao tempo que arden e estallan as luces de pirotecnia que para moitos supoñen a queira dos malos espíritos para renovarse e iniciar un novo ciclo que comeza coa primavera.

Durante a fin de semana, ademais, estarán instalados arredor do parque de San Lázaro 16 postos de rosquillas, lambetadas, abelás e produtos típicos desta festa. Por ese motivo, haberá cortes de tráfico na contorna do Parque: desde as 12.00 horas na confluencia entre Curros Enríquez e a rúa do Concello, restrición que se manterá até as 14.00 horas aproximadamente.