O Concello de Ourense quere concienciar a cidadanía co gallo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres -o 25 de novembro- cun programa de actividades dirixido a público de todas as idades e que estará composto por cultura e formación a partes iguais. “É o programa máis ambicioso que xamais se fixera no Concello”, afirmou o concelleiro de Igualdade, Telmo Ucha, na presentación dunhas actividades que van “desde o 17 de novembro até xaneiro de 2023”. Haberá cine, música, teatro, xornadas de formación, exposicións, obradoiros para escolares de diferentes ciclos formativos e actos institucionais.
Beatriz López, directora do Centro de Información municipal ás Mulleres (CIMM), loou o programa “multidisciplinar” cuxo principal obxectivo é a educación en valores para os escolares da cidade, para quen se organizaron actividades en función do nivel educativo -Infantil, Primaria e Secundaria-. O programa tamén conta cun festival musical, que terá lugar no Teatro Principal o vindeiro 30 de novembro baixo a condución da artista Olga Brañas, que ademais dos grupos participantes interpretará un tema da ourensán María Mendoza acompañada ao chelo Susana Blanco. “A intención”, dixo, “é facerlle pensar ao público para previr e paliar a violencia de xénero”.
Ademais destas actividades, a ponte romana lucirá de cor morada para conmemorar esta data, e repartiranse adhesivos coa imaxe da campaña -realizada pola deseñadora ourensá Patricia Joga- entre establecementos e institucións para sensibilizar a cidadanía contra a violencia de xénero.
Todas as actividades serán de balde e nas que haxa capacidade limitada será preciso inscribirse con antelación.
Xoves 17 de novembro. Cine. 20.30 horas, Casa da Cultura (rúa Concello, 11). Proxección de The Assistant, filme dirixido por Kitty Green e interpretado por Julia Garner que relata os abusos que sofre unha muller que traballa para un executivo poderoso. A actividade conta coa colaboración do Cineclube Padre Feijóo.
21 a 24 de novembro. Contacontos e teatro para previr a violencia de xénero entre o alumnado. Desenvolverase, en horario de mañá, nos centros de ensino de Ourense. Para Educación Infantil, contacontos O rato-canguro, a cargo de Trinke Trinke Teatro; para Educación Primaria, o espectáculo Amor, que corte!, da compañía Iseo A Moura; e para Educación Secundaria, Cinco sketches relacionados coa violencia de xénero, da man de Trécola teatro.
Luns, 21 de novembro. 16.00 horas. Xornada de formación: Retos do traballo policial coas vítimas da violencia de xénero. Edificio da Policía Local (rúa Victoria Kent, 1). Intervirán o concelleiro de Igualdade e Seguridade, Telmo Ucha, Julián Pardinas, fiscal de violencia de xénero, Beatriz López, a directora do CIMM e representantes das policías Nacional, Autonómica e Local.
Martes 22 de novembro. 18.00 horas. CIMM (rúa Ensino, 24). Xornada de autodefensa persoal. Dirixido ao público feminino. 10 prazas. Información e inscricións no teléfono 988.393.191 ou no enderezo de correo concelleriamuller@ourense.es
Mércores 23 de novembro. 17.30 horas. Obradoiro Pensar as masculinidades. Dirixido ao público masculino, é un espazo no que debater un novo espazo da masculinidade na sociedade que fomente a convivencia. 15 prazas. Información e inscricións no teléfono 988.393.191 ou no enderezoconcelleriamuller@ourense.es
Xoves 24 de novembro. Cine. 20.30 horas, Casa da Cultura (rúa Concello, 11) Proxección de As mulleres deciden, documental dirixido por Xiana Yago que alerta sobre os perigos da xinecoloxía clandestina na Amazonía. A actividade conta coa colaboración do Cineclube Padre Feijóo.
Venres 25 de novembro. 10.00 horas. Salón de Plenos. Acto institucional polo Día internacional para a eliminación da Violencia contra as mulleres. Durante este día, a ponte romana estará iluminada de cor morada para conmemorar a efeméride.
Luns 28 de novembro. 10.00 horas. Xornada de formación para o persoal do Concello de Ourense. CIMM (rúa Ensino, 24). Estratexias para a atención a vítimas de violencia de xénero, xornada impartida pola profesora experta en materia de xénero María del Carmen Armada Olleros.
Mércores 30 de novembro. Festival de música contra as violencias de xénero. 20.30 horas. Teatro Principal (rúa da Paz, 9). Presentado pola artista Olga Brañas, participarán as bandas ourensás Blues do país, Mounqup e Habelas Hainas. As entradas deberán retirarse na billeteira do Teatro Principal.
Do 5 de decembro ao 13 de xaneiro de 2023. Exposición. Sala Valente (rúa do Paseo 20). Cartas de amor. Exposición gráfica de ilustracións e de artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade. Colaboran a Concellería de Promoción de Emprego e Igualdade, Secretaría Xeral de Igualdade, Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia e Concellería de Artes e Festexos.
Todas as actividades son de balde. Haberá servizo de canguraxe e con intérprete de signos, que se deberá solicitar con dous días de antelación.
O programa organizado polo CIMM da Concellería de Igualdade está financiado a cargo dos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.