Ourense Cidade

O Concello despregará un maior dispositivo de seguridade para o Entroido con preto de 100 efectivos diarios

A Policía Local establecerá un Punto Violeta para a prevención de agresións sexuais e un Posto de Mando Avanzado coa Policía Nacional, Garda Civil, e tamén con Protección Civil e Servizo de Bombeiros.

Óscar Gómez

Ourense | 16.02.2023 07:56

O Concello despregará un maior dispositivo de seguridade para o Entroido con preto de 100 efectivos diarios
O Concello despregará un maior dispositivo de seguridade para o Entroido con preto de 100 efectivos diarios | onda cero

O Concello de Ourense presentou o dispositivo de seguridade para o Entroido 2023 no que participarán un cento de efectivos diarios. Así, e debido á alta previsión de participación, a Policía Local coordinará un posto de mando con outras forzas de seguridade, caso da Policía Nacional -para a seguridade cidadá- e a Garda Civil -para o control do tráfico-, e no que tamén estarán integrados outros servizos coma o de Protección Civil, Bombeiros e Emerxencias -haberá cinco ambulancias medicalizadas en puntos estratéxicos para acudir onde se requira coa maior celeridade-, así como seguridade privada. Tamén haberá un Punto Violeta, para informar e actuar en caso de agresións sexuais.

O concelleiro de Seguridade, Telmo Ucha, fixo un chamado ao “sentido común”, de forma que “o público desfrute da festa e deixe desfrutar os demais”. Ucha aconsellou vehementemente “moderación” no consumo de alcohol, e fixo especial fincapé na incompatibilidade de beber e de conducir: en 2021 denunciáronse 1.063 alcoholemias positivas na cidade, en 2022 disparáronse até as 2.265”. Cifras que, en palabras do responsable de seguridade cidadá, son “moi altas en proporción por habitantes”. Haberá presencia policial en todos os accesos e saídas da cidade, e realizaranse controis de drogas e alcohol para evitar posibles accidentes.

Contedores de vidro

A concesionaria da limpeza, Ecourense, desprazará os contedores de vidro dos lugares máis transitados para minimizar o risco de feridas ou que sexan empregados en pelexas, etc. Repartiranse en diferentes puntos do centro histórico e colaborarase cos establecementos hostaleiros -aos que se lle recomenda o emprego de plástico- nunha recollida porta a porta.

Cambios de tráfico

As actividades programadas para o Entroido obrigan, igualmente, a modificar o sentido no tráfico en diferentes puntos da cidade. A Policía Local aconsella vías alternativas para moverse pola cidade.

Cortes de tráfico polos desfiles escolares, venres 17

Zonas de baixa afectación para o tráfico, con cortes puntuais:

1.- Desde as 10:30 h: Covadonga, rampla Zaragoza, rúa dos Chaos, rúa Santa Teresita.

2.- Desde las 11:00 h: rúa Parque de San Lázaro.

3.- Desde 11:30 h: Centro histórico de Seixalbo.

4.- Desde as 12:30 h: rúa Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, San Paio,San Rosendo.

5.- Desde as 16:00 h.: rúa Vila Real e rúa Dalí.

Zonas de afectación importante para o tráfico:

1.- Desde as 12:00 h: Sáenz Diez, Habana (desde Curros Enríquez), Xoán XXIII e Curros Enríquez (até o colexio Mestre Vide).

2.- Desde as 12: 15 h ás 13:45 h: rúa Río Mao.

Ás 19:30 h repítese o itinerario do desfile da mañá organizado polo Concello, co mesmo itinerario: é o “Entroido tradicional” que sae desde a Praza Maior e irá pola rúa do Paseo até o Parque de San Lázaro, con volta á Praza Maior por Santo Domingo. Afectará á rúa Parque de San Lázaro, desvío pola rúa Curros Enriquez.

Cortes de tráfico polas actuacións na rúa Progreso

Sábado 18. Ás 15:00 h córtase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a baixada á Praza de Abastos n.1 até a rotonda de San Rosendo, a circulación abrirá cando recollan o palco da orquestra, de madrugada.

Domingo 19. Ás 14:00 h córtase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a baixada á Praza de Abastos n.1 até a rotonda de San Rosendo, a circulación abrirá cando recollan o palco da orquestra, de madrugada.

Luns 20. Desde as 14:00 h córtase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a baixada á Praza de Abastos n.1 até a rotonda de San Rosendo, a circulación abrirá cando recollan o palco da orquestra do martes 21.

Martes 21. Desde as 11:00 h córtase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a baixada á Praza de Abastos n.1 até a rotonda de San Rosendo, a circulación abrirá cando recollan o palco da orquestra, de madrugada.

Nos cortes de tráfico da rúa do Progreso abrirase o tráfico por Parada Justel unicamente en sentido rotonda de San Rosendo cando finalicen as actuacións.