Ourense Cidade

Comezan as Escolas de Verán do Paco Paz

Comezaron no Pazo dos Deportes Paco Paz as Escolas de Verán "depOUrtivas", un programa de conciliación deseñado para rapaces de entre 4 a 14 anos organizado pola Deputación de Ourense e Ociosaugal.

Óscar Gómez

Ourense | 11.07.2023 07:57

Comezan as Escolas de Verán do Paco Paz
Comezan as Escolas de Verán do Paco Paz | onda cero

Os nenos participantes en cada quenda dividiranse en grupos atendendo ás idades, co obxectivo de adaptar as actividades aos rapaces e ás súas propias preferencias.

As actividades das escolas deportivas abranguerán diferentes tipos. Dentro da temática deportiva, por exemplo, os rapaces practicarán deportes como o atletismo, o fútbol, o baloncesto, o tiro con arco, o lanzamento de xavelina ou o hockey. Tamén se practicarán outros deportes que fomenten a inclusión e a participación de todos, poñendo o énfase nos valores de respecto, empatía e o compañeirismo.

Ademais, os monitores e os rapaces poderán desenvolver actividades con temáticas culturais e proxectos transversais arredor da igualdade ou a reciclaxe, Os nenos que asistan ao servizo de madrugadores -de 08 a 09,00 horas- contarán á súa disposición con diferentes espazos arredor da lectura, as manualidades ou os xogos de mesa.

Información de inscrición

O prezo por rapaz é de 25 euros por semana na modalidade básica -de 09 a 14,00 horas, con opción de comezar ás 08,00 horas-, e de 60 euros por semana na modalidade básica + comedor.

O prazo de inscrición nas Escolas de Verán deportivas a está aberto. Para formalizar a matrícula deberá entregar a ficha de inscrición e o xustificante de pago no enderezo electrónico: deportes@depourense.es ou na recepción do Pazo dos Deportes Paco Paz, adxudicaranse as prazas por orde de chegada.

Máis información na web www.deportesdepourense.es e no teléfono 988 317 900.