Emprego

O Carballiño será sede do polo de empredemento e apoio o emprego

A finais deste ano haberá 15 polos en activo, dos que tres estarán na provincia de Ourense: o de Verín, que foi o primeiro que se abreu, ao que se suma o do Carballiño e en vindeiras datas o do Barco de Valdeorras.

Óscar Gómez

Ourense | 28.03.2023 08:12

O Carballiño será sede do polo de empredemento e apoio o emprego
O Carballiño será sede do polo de empredemento e apoio o emprego | onda cero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou o emprazamento dun novo polo de emprendemento e apoio ao emprego, o de Miño Central con sede no Carballiño que prestará servizo a 48 concellos de cinco comarcas (Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro e Terras de Celanova). É o sexto polo da Rede que puxo en marcha a Xunta o pasado ano para acompañar e apoiar ás persoas emprendedoras cos seus proxectos empresariais en todas as súas etapas, de principio a fin.

Lorenzana destacou que a finais de 2023 esta Rede estará composta por 15 polos dos que tres estarán situados na provincia de Ourense. Ao de Verín, que foi o primeiro que se inaugurou en xullo de 2022, sumarase o do Carballiño, que abre agora, e en próximas datas o do Barco de Valdeorras.

Os cinco polos en activo ata o de agora dan cobertura a máis de 140 concellos, é dicir, o 45% da comunidade galega. En menos dun ano de funcionamento ofreceron un asesoramento permanente e especializado a máis de 220 persoas axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais, dos que permanecen en activo 162. A conselleira puxo en valor que un 57% destas iniciativas empresariais son lideradas por mulleres.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade sinalou que a Xunta continúa a incidir nas políticas de emprendemento ás que destina este ano máis de 18,2 millóns de euros, ao que se suma o orzamento dirixido ao traballo autónomo e á economía social en Galicia que conta en 2023 con máis de 100 millóns de euros.

Para rematar, Lorenzana apuntou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego apoia ás persoas emprendedoras a través da formación e o asesoramento que ofrecen mentores especializados e indicou que forma parte da nova Estratexia de emprego da Xunta, Xempre Contigo, que aposta por un mercado laboral máis interconectado, formado e dinámico.