Ourense Cidade

A campaña de apoio ao comercio e á hostelaría do Concello acada xa os seus obxectivos iniciais

O alcalde cualifica de “impresionantes” os resultados da campaña: “volve a vida ao comercio, que hai moitísimo tempo que non tiña”, asegura Gonzalo Jácome.

Óscar Gómez

Ourense | 02.05.2023 07:52

A campaña de apoio ao comercio e á hostelaría do Concello acada xa os seus obxectivos iniciais
A campaña de apoio ao comercio e á hostelaría do Concello acada xa os seus obxectivos iniciais | La Región

A campaña de apoio ao comercio e á hostalaría local que desenvolve o Concello de Ourense xa acadou os seus obxectivos iniciais en só 3 semanas desde a súa posta en marcha. Máis de 84.000 persoas, aproximadamente o 80% das censadas en Ourense, descargaron os seus vales de 100 euros, que poden gastar nos máis de 1.000 establecementos adheridos. Os bonos xeraron xa un gasto de case 5 millóns nas empresas nos comercios e locais de hostalaría da cidade, e quedan máis de tres millóns máis para gastar nas próximas semanas.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacou esta mañá que “aínda que quedan varias semanas de campaña, temos que dicir xa que o éxito é absoluto porque practicamente se conseguiron os obxectivos”, dado que un 80% das persoas censadas na cidade xa descargaron os seus bonos e se adheriron á campaña máis de 1.000 establecementos do comercio e da hostalaría local.

Os resultados son “impresionantes”, asegura o alcalde, que engade que “se alcanzou a cifra prevista e se vai superar”, xa que a campaña continúa en marcha, os bonos seguiranse emitindo até o día 29 de maio e se poderán trocar até o 31 de maio: “gastáronse xa na cidade case 5 millóns de euros e restarán máis de tres millóns máis para gastar nas próximas semanas, co cal seguirá habendo movemento na cidade, seguirase fidelizando clientes que se achegan a comercios aos que non entraban, e volve a vida ao comercio, que hai moitísimo tempo que non tiña semellante vida”. “É realmente unha noticia espectacular para comezar o mes de maio”, afirma o alcalde, quen lle agradece á veciñanza da cidade a súa participación na campaña que desenvolve o Concello.