A Xunta constata o bo ritmo dos traballos de construción da base de medios aéreos transfronteiriza que se enmarca no Proxecto Interlumes e que se situará en terreos dos concellos ourensáns de Verín e Oímbra. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, así como polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e pola rexedora de Oímbra, Ana Villarino, supervisou a marcha destes labores.
Así, o titular de Medio Rural e as demais autoridades puideron comprobar que as máquinas xa están traballando na zona, concretamente con actuacións de nivelación do terreo, é dicir, na explanación da pista, tal e como recolle o proxecto, que foi publicado en marzo pasado no Diario Oficial de Galicia.
A posta en marcha desta base suporá un investimento de 4,3 millóns de euros. En concreto, as obras consisten na construción da primeira base de avións transfronteiriza para reforzo da capacidade operativa de resposta na extinción de lumes forestais, co obxectivo de consolidar os mecanismos de cooperación na fronteira hispano-lusa a prol da cohesión territorial e da constitución dunha organización de resposta conxunta na xestión de emerxencias entre rexións en materia de incendios.
Aeronaves e depósitos de carga en terra
As futuras instalacións caracterizaranse pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, mesmo, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra. Con categoría 2 de aeródromo, contará cunha superficie de máis 30 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.